O dolmen de Pedra Cuberta atópase na parroquia de Treos, no concello de Vimianzo, preto da aldea do Arxomil.
Descrición
É de grandes proporcións cun corredor de entrada de máis de seis metros (6,6 m) de longo e cunha altura de case dous metros (1,80 m). Fáltalle a lousa de cobertura da cámara principal. Nel atopouse a pintura dun ídolo en coresvermella e negra sobre branco.
As pinturas realizáronse sobre unha capa de cor branca, probabelmente caolín, utilizando o negro e o vermello. O vermello preparouse con óxidos de ferro e o negro con carbón vexetal aglutinados con albumina de ovo. Son formas xeométricas e liñas onduladas en vertical e horizontal, círculos concéntricos e triángulos.
Están dispostas en tres faixas horizontais, igual que no dolmen de Dombate. Na inferior vense dúas faixas paralelas longas de cor vermella con forma de ondas de perfís rectos que parecen zigzags nuns lados e arcos superpostos noutros. Sepárase da media por dúas faixas, unha negra e outra vermella e con liñas onduladas negras por debaixo. Conta con liñas verticais grosas. A faixa superior sepárase cunha liña negra en zigzag e triángulos e nela vense liñas onduladas, zigzags, orlas de cor vermella, círculos concéntricos e trapecios.
Estas decoracións son continuas e abarcan a totalidade do monumento, corredor e cámara.
Investigacións e divulgación
En 1934 o arqueólogo alemán Georg Leisner deu a coñecer internacionalmente a decoración pictórica existente na parte interna dos ortóstatos da cámara e o corredor. Os debuxos do dolmen, en branco e negro, amosan formas complexas, con liñas en zigzag, triangulares, verticais e con motivos ondulados, aínda que no III Coloquio Internacional sobre Arte Megalítica (A Coruña1997) denunciouse a perda das imaxes por desinterese das administracións públicas.