En teoría da literatura, a distancia estética é o grao de diferenciación psicolóxica e emocional entre o texto e o lector. Describe a actitude ou implicación do lector en relación coa obra e como é a súa experiencia.
Na Crítica da Razón (1790), Kant menciona o "desinterese" na nosa contemplación das obras de arte. Porén, o concepto de distancia estética, aínda que implícito na estética do século XIX, formúlase por vez primeira nun ensaio de E. Bullough en 1912. Para Bullough, o principio da "distancia física" permitía que algo que podería ser perigoso ou ameazador na vida real se tornase nun obxecto artístico con determinado valor estético.
O lector debe ser consciente en todo o momento de que está a contemplar unha obra de arte, de maneira que distinga a súa experiencia das experiencias reais da vida. O lector e o crítico deben mostrar unha actitude "desinteresada" cara a obra, como se lela non tiver efecto sobre a súa vida. Para Bulloughs, ese desinterese é o que permite que o feo ou atemorizador na vida, como a néboa no mar, se converta nunha experiencia estética.
Un extremo dunha escala de distancia estética sería o da xente que non gosta do terror nin ten interese polas producións que o utilizan. Unha razón aducida frecuentemente é que as novelas e películas de terror son moi molestas, que os seus efectos son tan vívidos que as emocións xeradas coa experiencia continúan durante un período de tempo incómodo, resultando ás veces na imposibilidade de conciliar o sono ou de ter que dormir coa luz prendida. Para esa xente, as obras de terror eliminan completamente a distancia estética: o mundo da ficción penetra no mundo real. O mesmo acontece noutros tipos de obras, como quen xulgue que Otelo ten razón en estar celoso da súa muller.
Noutro extremo, nin os recursos do texto nin a atención do lector abondan para fechar a distancia estética entre os dous. No caso das obras de terror, esa carencia de envolvemento emocional da parte do lector ou espectador exclúe a reacción de horror; ese horror incapaz de reducir esa distancia estética provocará como resultado o riso ou o aborrecimento, de maneira que nos momentos máis horrorizantes converterase en comedia.
Pola contra, a comedia non participa desta necesidade de distanciamento, xa que unha das súas características é, precisamente a ausencia de sentimentos ou emocións.
Hans Rober Jauss deulle ao termo un significado adicional diferente. Na súa teoría da recepción, o valor literario dunha obra mídese en relación á "distancia estética", que el define como o grao de separación entre a obra e o "horizonte de expectativas" dos seus primeiros lectores.