Dianogah é unha banda estadounidense de indie rock procedente de Chicago, Illinois, formada no ano 1995 e que destaca polo uso de dous baixistas. Os seus membros son Kip McCabe, Jay Ryan (ex-Hubcap) e Jason Harvey. O primeiro álbum de Dianogah, As Seen from Above, foi gravado por Steve Albini, quen tamén se encargou de producir o seu segundo traballo, Battle Champions, editado en maio de 2000. Dianogah colleu o seu nome do compactador de lixo (o Dianoga) na película de 1977 A guerra das galaxias.
O grupo estivo entre a media ducia de artistas que contribuíron á banda sonora da película de 1998 Reach the Rock, dirixida por William Ryan cun guión escrito polo aclamado director John Hughes. O produtor John McEntire (de The Sea and Cake e Tortoise) estivo ao mando da gravación da banda sonora, e posteriormente traballaría no terceiro álbum da banda, Millions of Brazilians. Este disco, editado o 16 de abril de 2002, tamén conta con Rachel Grimes (de Rachel's) e John Upchurch (de The Coctails).
O 5 de xaneiro de 2000 a banda uniuse a M.O.T.O. para actuar como abreconcertos para o último concerto no Lounge Ax, un evento para o cal The Coctails se reuniran brevemente para actuar como cabezas de cartel.
Entre 2000 e 2007 a banda xirou por Europa tres veces (en 2000, 2002 e 2004), e tocou pola costa leste e no medio oeste dos Estados Unidos. En 2007 o grupo regresou ao estudio con produtor John McEntire para gravar o seu cuarto álbum, Qhnnnl.
En 2008 a banda publicou Qhnnnl, no que Stephanie Morris cantou nalgunhas cancións. Ela tocara os teclados e a guitarra ao vivo coa banda, e tamén o fixo na súa xira pola costa leste en 2008, nunha viaxe a Europa no outono dese mesmo ano, e noutra na primavera do 2009 para o festival All Tomorrow's Parties.
O 1 de xuño de 2009 Stephanie Morris morreu de súpeto. Nun comunicado na súa páxina web, a banda dixo que Morris convertérase nunha "parte integral do noso grupo, tanto musicalmente como socialmente. A morte de Stephanie colleunos por sorpresa e deixou un gran burato nas vidas de moitos, especialmente do seu marido Nathan e da súa familia". A banda mencionou na mesma nota que realizarían un concerto en xullo de 2009 no Pitchfork Music Fest na súa honra, pero a banda non informou de como se presentaba o futuro para eles.
Dianogah actuou no PRF BBQ de 2014 en Chicago. A banda realizou dous concertos no ano 2017. ámbolos dous tamén en Chicago.
Discografía
Álbums
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas