Dexter é unha serie de crime, drama e misterio que foi emitida a través da canle estadounidense Showtime dende o 1 de outubro de 2006 até o 22 de setembro de 2013.[1] Ambientada en Miami, a serie céntrase na personaxe de Dexter Morgan (Michael C. Hall), un técnico forense especializado na análise de patróns de sangue para o departamento de policía, que leva unha vida paralela como asasino en serie que acaba coa vida doutros asasinos e criminais. A primeira tempada está baseada na novela Darkly Dreaming Dexter (2004), a primeira das novelas sobre Dexter escritas por Jeff Lindsay.
Sinopse
Dexter é un forense especializado no sangue do Departamento de Policía de Miami. Tamén é un fiel mozo, un divertido padrasto, un irmán confidente e un friki do sangue para algúns; pero todo isto non son máis que papeis que, voluntariamente ou non, desempeña de cara a unha sociedade que non o aceptaría: Dexter é, e el sábeo, un monstro, un psicópata, un corpo sen alma, frío, calculador; un asasino en serie. Ou non. El goza con iso. Como a el lle gusta dicir é, simplemente, Dexter.
Unha vez coñecemos a Dexter, descubrimos que non hai nada que o inmute, que perturbe os seus soños, xa que nin sequera os ten; nin sequera ningún sentimento que non é capaz de posuír: nin o amor cara á súa moza ou á irmá, nin os atroces crimes aos que acode no seu traballo, nin as súas vítimas. Dexter está baleiro e o único que algunha vez lle causou pracer é a caza, o que ninguén sabe agás o seu pai, o único a quen lle puido confiar o seu segredo desde a súa infancia. Pero Dexter non é un asasino en serie común, xa que se ben comparte motivacións (o pracer da caza), grazas ao seu pai adoptivo posúe uns principios sólidos, cuestionables ou non, pero que como adoitaba dicir aquel, Harry Morgan, policía, o manteñen vivo.
Personaxes
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas