| Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Daniel Alves da Silva, máis coñecido como Dani Alves, nado en Juazeiro, Baía, o 6 de maio de 1983, é un futbolista brasileiro nacionalizado español, que xoga como lateral dereito. Foi considerado por algúns medios de comunicación deportivos como o mellor lateral dereito do mundo.[1][2] Actualmente atópase sen equipo tras ser detido de xeito preventivo por un presunto delito de violación, o que provocou a rescisión do seu contrato co Club Universidad Nacional mexicano.[3]
Traxectoria
Alves debutou como profesional en 2001 no Esporte Clube Bahia e un ano despois incorporouse ao Sevilla FC que pagou por el 500.000 euros.
A pesar de xogar como lateral, é un xogador de marcado carácter ofensivo, e en ocasións actúa como interior dereito, ademais de ser un lanzador de faltas. Dise del que é un todocampista, pois ata chegou a xogar de mediocentro e ata de dianteiro nun partido que enfrontou ao Sevilla e o Zenit de San Petersburgo en terras rusas.
Daniel Alves debutou de xeito oficial na Liga española o 23 de febreiro de 2003 co Sevilla FC fronte ao RCD Espanyol. Con todo, non marcaría o seu primeiro gol ata a tempada seguinte, o 9 de novembro de 2003 fronte ao Real Madrid. En agosto de 2007, Daniel Alves pediu ao Sevilla que lle deixase marchar e crecer como xogador.[4] Con todo, as altas pretensións económicas do Sevilla frustraron a súa fichaxe polo Chelsea FC da Premier League inglesa,[5] o que creou un gran descontento no xogador que chegou ata a negarse a viaxar co equipo a Grecia onde disputaría un partido crucial co AEK Atenas para a súa clasificación na seguinte rolda da Liga de Campións.[6] A pesar diso, quedou outro ano máis na disciplina nervionense, sendo traspasado finalmente ao FC Barcelona.
O 2 de xullo de 2008 foi presentado oficialmente como novo xogador do FC Barcelona ata o ano 2012, nun acto no que o presidente do club azulgrana, Joan Laporta, o definiu como "o mellor lateral dereito do mundo". Os 35,5 millóns de euros do seu traspaso (29,5 millóns fixos máis seis en variables, por clasificación e títulos) convertérono na segunda fichaxe máis cara da historia do club -por detrás de Overmars, e sendo posteriormente superado tamén polo de Ibrahimovic-, sendo o terceiro desembolso máis grande xamais realizado pola contratación dun defensa.[7] No Barcelona comezou usando o número 2. Para a tempada 2013-14 decidiu usar o dorsal 22 coma homenaxe ó seu antigo compañeiro Éric Abidal.[8] Na tempada 2015-16, decidiu cambiar de novo o seu dorsal, usando desta vez o número 6, deixado por Xavi Hernández, quen deixou o club ó remate da tempada anterior.[9]
Marcou o seu primeiro gol co FC Barcelona o 25 de outubro de 2008 no Camp Nou fronte á UD Almería.
Selección nacional
Foi 119 veces internacional coa selección do Brasil, coa que marcou oito goles. O seu debut produciuse no 2006, nun partido amigable contra Ecuador, e ao ano seguinte disputou a Copa América, proclamándose campión e marcando un dos tres goles do seu equipo na final contra a Arxentina. Durante os seguintes anos gañou dúas Copas Confederacións (2009 e 2013) e participou en dous Mundiais (Suráfrica 2010 e Brasil 2014).
No 2019 gañou a súa segunda Copa América, capitaneando á selección brasileira e derrotando na final ao Perú. Foi elixido mellor xogador do torneo.[10] Dous anos despois formou parte da selección do Brasil nos Xogos Olímpicos de Toquio, conquistando a medalla de ouro ao vencer na final a España.[11]
Palmarés
- Bahia
- Sevilla
- FC Barcelona
- Primeira división de España (6): 2008/09, 2009/10, 2010/11, 2012/13, 2014/15, 2015/16.
- Copa do Rei (4): 2008/09, 2011/12, 2014/15, 2015/16.
- Supercopa de España (4): 2009, 2010, 2011, 2013.
- Liga de Campións (3): 2008/09, 2010/11, 2014/15.
- Supercopa de Europa (3): 2009, 2011, 2015.
- Copa Mundial de Clubs (1): 2009, 2011, 2015.
- Juventus
- Paris Saint-Germain
- São Paulo
- Selección do Brasil
- Selección olímpica do Brasil
- Selección do Brasil sub-20
Distincións individuais
- Balón de Bronce da Copa do Mundo sub-20 (1): 2003.
- Mellor xogador da Copa da UEFA (1): 2005/06.[12]
- Mellor xogador da Supercopa de Europa (1): 2006.[12]
- Equipo do ano da UEFA (4): 2007, 2009, 2011, 2015, 2017.
- Equipo ideal da FIFA/FIFPro (8): 2009, 2011, 2012, 2013, 2015, 2016, 2017, 2018.[13]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas