D Corazón é un programa de televisión emitido pola cadea española La 1 de Televisión Española. Foi estreado o 7 de xullo de 1997 e actualmente está presentado por Anne Igartiburu e Jordi González.
Historia do programa
D Corazón estreouse o 7 de xullo de 1997 como un programa de reportaxes dedicadas ao mundo do corazón. O formato estaba presentado inicialmente por Anne Igartiburu e emitíase de luns a venres antes da primeira edición do Telediario. Ademais, o nome do programa variaba segundo a estación do ano, recibindo os nomes de Corazón de primavera, Corazón de verano, Corazón de otoño e Corazón de invierno.[1] Durante a ausencia da presentadora, Remedios Cervantes (1998), Iolanda Vázquez (1999-2000), Paloma Lago e Alejandra Navas (2000-2007) asumían o cargo de presentadora suplente.
O 25 de agosto de 2008, o programa cambiou o seu nome por Corazón e modificou o seu estilo e decorados.[2] Ademais, o 4 de xaneiro de 2010 o programa iniciou unha etapa trala súa fusión con Corazón, corazón, un programa de formato similar que se emitía en La 1 durante os fins de semana desde o 4 de xullo de 1993, presentado por Cristina García Ramos desde 1993 ata 2008 e por Jose Toledo desde 2008 ata 2009. Tamén, Carolina Casado presentou o programa na súa última etapa. Así, ambos programas pasaron a ser un baixo a denominación de Corazón, emitido todos os días en La 1 ás 14:30 horas e presentado por Anne Igartiburu (de luns a venres) e por Carolina Casado os sábados e domingos.
Desde o 29 de xuño ata o 3 de setembro de 2012, todos os programas de produción propia de La 1 sufriron un paro, entre eles Corazón, aproveitando a emisión dos Xogos Olímpicos de 2012, debido á crise económica que atravesaba neses momentos o grupo RTVE. No entanto, o programa continuou a súa emisión durante os fins de semana con Carolina Casado.[3]
Tralo paro estival, Corazón volveu a La 1 no seu horario habitual, aínda que esta vez presentado na súa edición de luns a venres por Elena S. Sánchez.[4] Este feito debeuse a que Anne Igartiburu pasou a presentar +Gente, o magazine vespertino da cadea de Televisión Española. A edición da fin de semana continuou sendo presentada por Carolina Casado.
O 25 de abril de 2013, TVE anunciou que a presentadora Anne Igartiburu volvería presentar de novo o programa desde o 20 de maio, trala cancelación de +Gente. Así mesmo, confirmouse que Elena S. Sánchez comezaría unha nova andaina nas tardes de La 1 cun programa de características similares.[5] Finalmente, La 1 dobrou as emisións de Corazón, sendo Anne Igartiburu a presentadora da edición das 14:30 horas e Elena S. Sánchez a encargada da edición das 20:20 horas. Do mesmo xeito, Carolina Casado continuou á fronte da edición emitida os fins de semana ás 14:30 horas, ademais de substituír a Anne e Elena en caso de ausencia destas.
Finalmente, tras non convencer aos directivos da cadea as audiencias que foi obtendo, a segunda edición do programa foi cancelada.[6] Deste modo, Elena S. Sánchez tivo que abandonar o programa, pero pronto lle encargaron a presentación de Cine de barrio como substituta de Concha Velasco a causa da súa enfermidade.[7]
O programa compaxina reportaxes sobre o mundo do corazón, sociedade, sucesos de actualidade, estreas, inauguracións e outros eventos destacados. A presentadora é a encargada de dar paso a estas reportaxes e a comentalas. O obxectivo do programa é informar e o ton empregado pola súa presentadora pretende afastarse do sensacionalismo que achaca a outros programas de televisión.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas