Célula do tendón
|
Latín
|
Tendinocytus (TH 3 03 00.0.00024)
|
Reciben o nome de células do tendón certas células que se poden encontrar tanto en tendóns de vertebrados coma nalgúns invertebrados.
Vertebrados
As células do tendón, tamén chamadas células tendinosas, tenocitos ou tendinocitos, son un tipo especial de fibroblastos alongados que se encontran entre os tendóns. O seu citoplasma tínguese con colorantes básicos e esténdese entre as fibras de coláxeno que constitúen a maior parte do tendón e presenta prolongacións delgadas que parecen ás, e que nas preparacións adoitan confundirse coas fibras coláxenas, polo que só se distingue o núcleo da célula.[1] As células están distribuídas en longas ringleiras paralelas entre as fibras. Teñen un núcleo central cun nucléolo prominente. Posúen un retículo endoplasmático rugoso ben desenvolvido, que é responsable da síntese e recambio das fibras coláxenas do tendón e da substancia fundamental da matriz que as rodea.[2]
Invertebrados
Nos moluscos as células do tendón forman unha capa epitelial que conecta o músculo coa cuncha do molusco. Nos gasterópodos, por exemplo, os músculos retractores conéctanse coa cuncha por medio destas células. As células musculares están unidas ao espazo miotendinoso de coláxeno por medio de hemidesmosomas. O espazo miotendinoso únese despois á base das células do tendón por medio doutros hemidesmosomas basais, mentres que hai hemidesmosomas apicais que se sitúan sobre os microvilli, que unen as células do tendón a unha fina capa de coláxeno. Este á súa vez está unido á cuncha por medio de fibras orgánicas que se insiren nela. As células do tendón dos moluscos teñen aspecto columnar e conteñen un gran núcleo basal. O citoplasma está cheo de retículo endoplasmático rugoso e un aparato de Golgi escaso. Hai densos feixes de microfilamentos que corren ao longo de toda a lonxitude da célula conectando os hemidesmosomas basais e apicais.[3]
Notas