Atención:Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
As referencias quedaron atrás no proceso de tradución dende o artigo homónimo da Wikipedia en lingua inglesa.
Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e mellóreo de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico.(Desde abril de 2020)
Céide Fields (en irlandésAchaidh Chéide[1], “campos dos outeiros”) é un xacemento arqueolóxico situado na costa norte do condado de Mayo ao oeste de Irlanda a uns 7 quilómetros ao noroeste de Ballycastle. Este asentamento é o xacemento neolítico máis extenso de Irlanda e tamén contén os sistemas de campos de cultivo máis antigos do mundo coñecidos até o momento. A través de varios medios de datación descubriuse que a súa creación e desenvolvemento remóntase a hai aproximadamente 5500 anos (~3500 a.C.).
O seu achado produciuse na década de 1930 cando o mestre Patrick Caufield reparou nunha morea de rochas que quedaron ao descuberto mentres recollía turba para o lume. Estas amosaban unha distribución que non podía ser casual. Caulfield deduciu que foran postas alí por persoas, xa que a súa disposición era totalmente antinatural e parecía premeditada. Ademais, as pedras estaban colocadas debaixo da braña, o que parecía indicar que xa estaban alí antes de que esta se formase, o que demostraba unha orixe moi antiga.
O misterio do verdadeiro significado do descubrimento tardou 40 anos en desvelarse. Foi cando Seamus, o fillo de Patrick, que estudara arqueoloxía, empezou a profundar na investigación. Os estudos sacaron á luz un conxunto de campos, casas e tumbas megalíticas ocultados pola formación de grandes turbeiras ao longo dos séculos.
Investigación e conservación
Coa finalidade de preservar o lugar e asegurar a continuación da investigación, usouse un método sinxelo para explorar os campos. Este consistiu na sondaxe e cartografía dos muros a través de perforacións con barras de ferro cun mango en forma de cruz. Estas ferramentas xa se empregaran previamente para atopar e extraer madeira que quedara enterrada na braña en época prehistórica. Os seus restos foron descubertos grazas ás marcas que deixaba a xeada na superficie do terreo, e foron utilizados para construír neste claro. Os utensilios de perforación transmitían vibracións en ambos os extremos da torada. Se estas se percibían en ambos os lados significaba que o tronco non rompera ao caer, polo que pagaría a pena escarvar.
A resultante escavación de áreas habitadas e de tumbas revelou os costumes daquelas persoas que viviron hai 200 xeracións. Eran unha gran comunidade de agricultores que tallaron centos de hectáreas de piñeirais, cuxo pole foi atopado nas turbeiras. A súa economía baseábase na gandaría, pero tamén practicaban a artesanía, a carpintaría e a cantaría.
Descubriuse que estas persoas chegaron nun primeiro momento a unha zona moi frondosa. Esta foi desbravada para facilitar a creación de terras de cultivo e para proporcionar material de construción e leña. Por este motivo esta actividade seguiu expandíndose xeograficamente.
O clima da época era moito máis cálido, permitindo unha boa colleita case todo o ano. Isto pódese acreditar a partir dalgunhas mostras obtidas dos restos de árbores que foron atopados no pantano.
Esta poboación prosperou durante un tempo, pero algúns cambios no contorno levaron á aparición de turbeiras elevadas e á conseguinte transformación do terreo cultivable en terreo infértil. Crese que unha das causas deste cambio foi esa desaparición do dosel arbóreo. Naquelas zonas onde abundan as árbores a maior parte da choiva non alcanza o solo senón que queda nas copas onde, ou ben é absorbida, ou ben se evapora. Coa deforestación do bosque, a choiva chegou ao chan e causou a lixiviación da terra dos seus nutrientes. Esta teoría é corroborada grazas á aparición de limonita no subsolo dos Céide Fields.
Notas
↑Achaidh Chéide. Base de datos de topónimos de Irlanda. Consultada o 22 de abril de 2020.