Cándido Cabanelas Barros, nado en 1930 e finado o día de Santos de 2023,[1] foi un mestre e político galego que foi alcalde de Boborás durante 20 anos.
Traxectoria
Mestre e fillo de mestre, destinárono á escola de Cenlle primeiro, e logo de Brués, onde deu clase varias décadas. Alí comezou a facerse un sitio na sociedade local, converténdose primeiro en director da oficina da Caixa Rural e logo en director da Cámara Agraria de Beariz. Foi correspondente de La Región en Boborás.
En 1971 foi designado polo gobernador civil Guillermo Fernández Júlbez como alcalde de Boborás; tomou posesión o 31 de decembro.[2] Ao chegar a democracia uniuse ao partido centrista UCD, e conseguiu a alcaldía nas primeiras eleccións municipais, desta vez pola forza dos votos. A alcaldía foina revalidando, se ben mudou de formación política: trala desfeita da UCD integrou Coalición Galega (eleccións de 1983) e despois a súa continuación a Coalición Progresista Galega (eleccións de 1987). Foi xulgado en 1990 con Laureano Caride Romero e Manuel Cendón Caíña acusados de falsificación de documento público, para facilitar a afiliación ao réxime xeral agrario da Seguridade Social de vecinos de Beariz.[3] En 1991 decidiu non presentarse á reelección e abandonou a alcaldía.
Vida persoal
Na mocidade foi xogador do Spórting Carballiño[4] e da Unión Deportiva Ourensá.[5]
Casou e tivo cinco fillos.[6]
Notas