Curación de contidos

A curación de contidos (tradución literal do termo anglosaxón content curation) é o proceso mediante o cal se busca información, filtrándoa, agrupándoa, valorándoa e compartíndoa na procura dunha maior calidade. Este proceso é levado a cabo por un curador (inglés: content curator). Esta tendencia xorde das estratexias de mercadotecnia de contidos incorporados recentemente polas empresas ós seus plans de mercadotecnia 2.0, para cubrir as necesidades que algúns buscadores de contido en Internet como Google teñen imposto co fin de pór en valor a información que aportan os sitios web, para así garantir experiencias de máxima calidade durante a navegación pola rede. Segundo Javier Guallar "a curación de contidos vén ser como a actualización na segunda década do século XXI do vello problema de como acceder mellor á información"[1].

Definición

O termo Curación de contidos non dispón dunha definición consistente[2]; pero seguindo o traballo de Laguens [3] pódese tomar a súa definición como punto de referencia:

"É unha actividade ou proceso continuo, dirixido polo criterio dun experto humano e asistido por ferramentas ou sistemas informáticos, consistente en buscar, filtrar, organizar e compartir contidos de calidade de fontes dixitais en liña (medios dixitais, redes sociais...) sobre un tema específico co fin de achegar un valor significativo e relevante a unha audiencia determinada."

En conclusión, a curación de contidos correspóndese cun proceso que trata de filtrar información cun obxectivo claro e ben definido.

Complementando esta definición, a curación de contidos implica[3][4]:

  • Ter Internet como fonte de información en tempo real.
  • Escoller un tema especializado obxecto da curación.
  • A acción dun proceso continuo, xa que non é unha actividade circunstancial ou illada.

Historia

A curación de contidos é un fenómeno moi recente en canto á súa aplicación nas estratexias de mercadotecnia do ámbito empresarial. Pero en si non se trata dunha actuación recente, xa que na antigüidade xa se levaba a cabo esta práctica, aínda que non recibía o nome de Curación de Contidos. Historicamente, museos e galerías de arte empregaron esta técnica para seleccionaren e expoñeren as súas obras do xeito máis ordenado e segmentado posible.

Cando comezou a expandirse o mundo dos blogs xurdiron dúas necesidades: o manexo de moitas fontes de información e o arquivo e difusión de recursos de interese. Estes tiñan como finalidade levar a cabo unha xestión eficaz da información. E realmente foi o que conseguiron, xa que grazas á satisfacción destas dúas necesidades, as persoas dedicámonos ao cultivo da información en vez de recoller toda a información que se nos presentaba diante.

A expresión "content curation" ten a súa orixe nun artigo de Rohit Barghava do ano 2009. Este artigo é un manifesto onde se resalta que, ante o incremento continuo da información en Internet e tamén debido a que os sistemas automatizados dificilmente poden atopar contido de calidade, xorde a necesidade de ter uns profesionais que sexan expertos, non na creación de máis contidos, senón en dar sentido á información que outros crearon, atopando, filtrando e compartindo contidos de calidade relevantes para os seus usuarios ou clientes. A definición que se fai no manifesto de curador de contidos di que é alguén que atopa, agrupa, organiza e comparte continuamente o mellor e máis relevante contido sobre un tema en liña.

Tres son os problemas que favoreceron a aparición da curación de contidos:

  • Rápido aumento da información.
  • Obsolescencia da información nun curto período de tempo.
  • Saturación excesiva de contidos e información (intoxicación).

Proceso

Pese a non existir un único modelo teórico que regule o proceso de curación de contidos, pois cada individuo pode escollelo en función das súas necesidades e capacidades, podemos tomar catro momentos fundamentais a partir do Método das 4S[5]:

  1. Busca (Search): proceso de elaboración dunha listaxe de termos comúns. Supón á súa vez a busca de fontes de información, tanto de tipo persoal como documental.
  2. Selección (Select): consiste nun proceso de valoración e filtrado de información, a fin de ofrecer contidos de utilidade para o tema en cuestión, baixo a premisa de ofrecer unha boa información no mínimo espazo posible.
  3. Caracterización (Sense Making): procedemento de reelaboración coherente do material previamente traballado para transformalo en material valioso para o tema concreto. Será clave a opinión e valoración persoal do curador que realice o proceso.
  4. Difusión (Share): unha vez finalizado o proceso de busca, selección e caracterización, é necesario gardar e publicar de maneira dixital o noso traballo.

Metodoloxía

A metodoloxía amosa un proceso dividido en varias fases: filtrado, análise e distribución.

  • Filtrado: é un método a través do cal se filtra a información relacionada cun tema en concreto. O filtrado é preciso debido á gran cantidade de información da que dispoñemos grazas ao fenómeno de Internet.
  • Análise: tras a fase de filtrado, hai que analizar os contidos almacenados para, finalmente, realizar a escolla e modificación dos contidos seleccionados.
  • Distribución: cando xa seleccionamos e modificamos os contidos de interese para unha audiencia en concreto, será preciso distribuír o resultado final, de xeito intelixente, a través daqueles canais de interese, co obxectivo de facer efectivas as buscas relacionadas coa audiencia e contido axeitados.

A curación de contidos apóiase no uso dunha serie de ferramentas que facilitan e completan o proceso. Non se encontran clasificacións sobre estas ferramentas, pero si tipoloxías que poden axudar á clarificación delas na actualidade. No ámbito francófono divídense estas ferramentas en dous grupos: aquelas que organizan a vixilancia e aquelas que difunden os resultados.[6] No ámbito anglosaxón distínguese entre aquelas ferramentas empregadas para a agregación social de noticias, autocuración, curación e marcadores sociais, liñas de tempo, RRS...[7]

Na actualidade atópase unha gran variedade de ferramentas de curación e os tipos delas están en constante cambio segundo xorden outros novos. Pódese facer unha clasificación segundo o dito anteriormente:

  • Marcadores sociais: colección de enlaces web dos que dispoñemos de xeito individual ou colectivo, e que actúan de filtro da información, engadindo só os enlaces que nos interesen. Polo xeral, os marcadores que habitualmente temos nos nosos navegadores web son de carácter individual, mentres que existen múltiples servizos que permiten compartir marcadores e colaborar na construción e valoración de coleccións de enlaces, como Delicious.[8]
  • Workflows ou disparadores: conxunto de ferramentas que automatizan os procesos que realizamos diariamente. Exemplo, IFTTT[9], ferramenta coa que indicamos unha serie de servizos relacionados a través de regras.
  • Ferramentas RSS: empréganse para subscribirse ás actualizacións de sitios web (por exemplo, xornais online ou blogs). A través delas podemos descargar artigos, noticias, documentos etc. novos que aparecen nas webs indicadas no noso lector de RSS. Por exemplo Google Reader.[10]
  • Agregadores por contido: fan máis sinxela a combinación de información de relevancia en torno a un asunto ou tema de interese persoal. Podemos falar de Scoop.it[11], que axuda a xerar tópicos onde imos incorporando información do noso interese de maneira pública e aberta a todos os que poidan estar interesados, ou Storify.[12]
  • Creación de periódicos: gardan parecido aos agregadores por contido pero adoitan dispoñer de mecanismos automáticos para a recollida de contidos concretos, como tweets. Exemplo: Paper.li.[13]
  • Liñas de tempo: filtran un tema de interese de maneira visual e cronolóxica (Dipity[14]).

Curador de contidos

Partindo dunha definición estándar, un "curador de contidos" é aquela persoa que escolle, xestiona, filtra e distribúe a que, baixo o seu criterio persoal, é a mellor información que circula pola Rede. Segundo Manuela Caro e Julián Marquina, un curador de contidos "colle contidos orixinais para dalos ás masas de maneira retocada e con valor engadido"[15]. A súa difusión pode ter un dobre obxectivo:

  1. Interese por compartir a información seleccionada, recorrendo ás diferentes plataformas e medios de comunicación.
  2. Estratexia de mercadotecnia das empresas para melloraren o seu posicionamento no mercado.

No mes de setembro do ano 2009, o experto en mercadotecnia e Social Media Rohit Bhartagava introduciu o termo "content curator" como nova figura profesional. Este debe contar coas seguintes habilidades:

  1. Buscar información en fontes fiables.
  2. Seleccionar a información relevante.
  3. Xerar contidos de calidade con criterio persoal.
  4. Distribuír os contidos na rede.
  5. Participar na creación globalizada de coñecementos.

Pola súa parte, Mariana Fossatti destaca como competencias imprescindibles en todo bo curador "ser bo lector, bo redactor, levarse ben coas tecnoloxías sen necesidade de ser técnico ou programador; é dicir, levarse ben coas interfaces ao uso mesturado con algo máis humanístico".

A figura do curador de contidos caracterízase polo seu carácter emerxente, cun perfil profesional completamente novo que aínda se está integrando no mercado laboral. Javier Leiva engade o seguinte: "hoxe en día o curador de contidos pon todos os procesos ao completo e nunha contorna distinta á anterior pois agora a abundancia de información é espectacular, todo é moito máis rápido e esa selección é crítica"

A figura do curador de contidos sostense na necesidade, fronte ó asolagamento de contidos ó que estamos sometidos, da existencia dunha figura que identifique os contidos que realizan novas achegas de calidade ó coñecemento dun campo científico. Os curadores son figuras clave á hora de xeraren novos debates e proporen interrogantes en canto ós modos de xerar contidos, reducindo o intrusismo no debate científico. Ademais, aportan opinións no campo concreto no que se moven, sendo expertos neste ámbito e aportando un plus de confianza ás novas achegas.

Polo tanto, un curador de contidos sería un intermediario crítico do coñecemento, que busca, selecciona e comparte de forma ininterrompida material valioso sobre o seu campo de coñecemento, buscando  manter un continuo fluxo de material.

Curación de contidos en educación

Na actualidade existen diversas ferramentas que facilitan a obtención, filtrado e organización de información para compartila con outros. Estas ferramentas tamén se integraron rapidamente ao ámbito educativo.[16] Entre elas están as seguintes:

Notas

  1. Corral, Yolanda: "Curación de contenidos concepto, profesional, fases, herramientas y toque personal" Arquivado 24 de abril de 2015 en Wayback Machine. 19/01/2014.
  2. Herther, N. K. (2012). Information Today, Inc, ed. "Content Curation: a look at some of the best". Searcher: the magazine for Database professionals (8): 26–35. Arquivado dende o orixinal o 24/04/2016. Consultado o 23/04/2015. 
  3. 3,0 3,1 Laguens García, J. (2013a). Curso de Content Curation: Concepto , definición y objetivos de la curación de contenidos. Universidad Carlos III de Madrid.
  4. Laguens García, J. (2013b). Curso Content Curator: Tipologia de herramientas del content curator. Universidad Carlos III de Madrid.
  5. De Benito, B., Darder, A., Lisana, A., Marin, V., Moreno, J., Salinas, J.( 2013). Agregación, Filtrado y Curación para la actualización Docente. Revista de Medios y Educación, (42), pp. 157-159.
  6. Ordre des Experts-Comptables (2011). Carte heuristique des outils de veille gratuits sur Internet. 
  7. Good, R (2010). The Newsmaster Toolkit to Aggregate, Filter, Edit, Curate and Distribute Any Type of Content. 
  8. "Delicious". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2016. Consultado o 11 de abril de 2016. 
  9. IFTTT
  10. "Google Reader". Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2021. Consultado o 11 de abril de 2016. 
  11. Scoop.it
  12. "Storify". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2015. Consultado o 27 de abril de 2015. 
  13. "Paper.li". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2015. Consultado o 14 de abril de 2015. 
  14. "Dipity". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2016. Consultado o 11 de abril de 2016. 
  15. tertulia en HangoutON con cuatro grandes especialistas: Javier Guallar, Javier Leiva, Mariano Torres y Mariana Fossatti.
  16. "¿Qué es la curación de contenidos en educación?" 10/06/2014 (en castelán).

Véxase tamén

Bibliografía