Coyoacán é unha das 16 delegacións da Cidade de México e atópase no centro xeográfico deste. O seu territorio abrangue máis de 54 quilómetros cadrados, e está localizado sobre a chaira do val de México. A parte máis alta corresponde ó cerro Zacatépetl, no suroeste da delegación, onde tamén se atopa a zona de Los Pedregales. Todo o territorio coyoacanense está urbanizado. Dentro del atópanse importantes zonas verdes como a Cidade Universitaria e os viveiros de Coyoacán.
No momento da chegada dos españois, Coyoacán formaba parte da esfera de influencia de Tenochtitlán. Despois da Conquista, estableceuse alí o primeiro concello e sede do goberno do Vicerreinado de Nova España.