O Consello d'a Fabla Aragonesa, normalmente abreviado en Consello, é unha asociación cultural nacida en 1976 e recoñecida legalmente en 1978, e cuxo ámbito territorial é Aragón.
Os fins desta asociación son a defensa, promoción e extensión da lingua aragonesa en todos os seus aspectos: historia, literatura, gramática, léxico, toponimia, folclore, consideración social e legal, pedagoxía, didáctica etc., con especial fincapé no estudo, protección e desenvolvemento de todas as súas variantes locais e comarcais, as cales son a base do aragonés común ou estándar.
As actividades do Consello baséanse en tres principios:
Actitude respectuosa á realidade trilingüe de Aragón.
Non adscrición colectiva a ningunha asociación política, sindical ou relixiosa.
Liberdade ideolóxica das persoas que o forman.
Os órganos de goberno do Consello son a Asemblea Xeral (Asambleya Cheneral) de conselleiros e a Xunta Directiva (Chunta Direutiba), cuxa composición e atribucións están regulados nas Ordinazions de o Consello. O presidente actual (desde 2004) é o escritor Chusé Inazio Nabarro.
Desde a súa creación, o Consello traballou na dignificación do idioma aragonés, contribuíndo a crear un estado de opinión favorable ao redor desta pequena lingua romance e difundindo o seu coñecemento a través de diversas publicacións, como Fuellas e Luenga & fablas. O seu director de publicacións é o filólogo Francho Nagore.
É de feito a asociación de referencia da lingua aragonesa dentro de Aragón, sendo órgano de consulta obrigado por parte das institucións en cuestións de normalización do aragonés.