O Columbus Crew Soccer Club é un club de fútbol profesional que xoga na Major League Soccer. É o equipo da cidade de Columbus, no estado de Ohio, polo que xoga na conferencia Leste. Foi un dos dez equipos que xogaron a tempada inaugural da MLS en 1996. Tamén foi o primeiro equipo dos Estados Unidos en construír un estadio específico para o fútbol, no ano 1999 [2].
O Crew SC é un dos equipos máis laureados da MLS xa que conta con cinco trofeos oficiais. En 2015, os novos propietarios cambiaron o logo do equipo e tamén o nome do estadio (Mapfre Stadium). Entre os xogadores máis importantes que pasaron polo club cabe destacar a Chad Marshall, Jeff Cunningham e Brian McBride.
Historia
Inicios
Na tempada inaugural da MLS, en 1996, o equipo conseguiu clasificarse para os playoffs, pero perdeu na primeira rolda contra o Tampa Bay Mutiny. Por outra parte os seareiros do Columbus recibiron o premio de mellor afección da liga [3]. Na seguinte tempada, o equipo chegou ata a final de Conferencia, pero perderon os dous partidos fronte o que sería o campión, o DC United. No ano 1998, chegou a primeira gran final do equipo, na U.S. Open Cup pero perderon 2-1 fronte ó Chicago Fire [4].
O ano 2000, foi o primeiro no que o equipo non conseguiu chegar ós postos de playoff [5]. No ano 2002, os de Columbus conseguiron de novo chegar á final de Conferencia, pero foron eliminados polo New England Revolution.
A chegada dos títulos
No ano 2002 chegou o primeiro título ás vitrinas do Columbus Crew, tras gañar a final por 1-0 fronte ó Los Angeles Galaxy. Dende o ano 2003 ao 2006, o equipo sufriu varias malas noticias e sumou malos resultados, quedando fora dos postos de playoff nos anos 2003 e 2005. Unha das súas estrelas, Brian McBride, marchou ó Fulham. E ademais no ano 2006, o propietario do club morreu. A única excepción foi que o equipo logrou gañar no 2004 a Supporters' Shield.
A chegada das estrelas internacionais
No ano 2007, revolucionouse a MLS coa incorporación de David Beckham ás filas do Los Angeles Galaxy, a estrela que asinaron os Black & gold foi Guillermo Barros Schelotto [6]. O ano 2008 foi unha tempada histórica para o conxunto de Columbus, conseguiron gañar a MLS Cup 3-1 fronte ó New York Red Bulls, co arxentino Schelotto como mellor xogador do partido. Ademais ese mesmo ano conseguiron gañar a súa segunda Supporters' Shield [7]. O ano seguinte volveu a revalidar ese mesmo título. Nos anos 2009 e 2010, o equipo participou na Liga de campións da CONCACAF e os dous anos foi eliminado en cuartos de final [8][9].
Tras tres anos con malos resultados o Crew SC conseguiu chegar ás semifinais de conferencia no ano 2014 [10].
Títulos
Notas