O Club Atlético Peñarol é un club de fútboluruguaio da cidade de Montevideo, fundado o 28 de setembro de 1891 co nome Central Uruguay Railway Cricket Club (ou CURCC), que compite na Primeira División do Uruguai. Dende os primeiros anos do club, as súas cores identificativas son o negro e o amarelo.
Seccións
No Peñarol existen diversas seccións deportivas, e á marxe da de fútbol, tamén cabe salientar as seccións de ciclismo, fútbol sala e baloncesto. A sección de baloncesto gañou varios torneos nacionais, e en 1983 proclamouse campión de Suramérica. Non obstante, a sección desapareceu en 1997 por razóns económicas. Pola súa parte, a sección de fútbol sala ten acadado tamén varios títulos de liga, chegando a gañar o Campionato Mundial Interclubes en 1987.
No que atinxe á sección de fútbol, esta é a máis laureada e popular do club, facendo do Peñarol o equipo con máis campionatos profesionais no Uruguai (37 títulos). Sumando os títulos profesionais e os títulos da época non profesional, o total de títulos nacionais de liga do Peñarol acada a cifra de 48. A nivel internacional, é o 3º club con máis títulos da Copa Libertadores (5), e en 1982 converteuse no primeiro club do mundo en conquistar 3 veces a Copa Intercontinental.
O Peñarol ten un estadio da súa propiedade, chamado José Pedro Damiani en memoria dun dos antigos presidentes do club. Este estadio ten capacidade para acoller a 12.000 seareiros, unha capacidade inferior ó que precisa o club, xa que a súa masa social e moito maior. Por iso o Peñarol leva varias décadas xogando os seus encontros como local no Estadio Centenario, de titularidade consistorial, e cuxa capacidade é de 65.236 persoas.
Palmarés
O Peñarol é o club uruguaio con máis títulos de liga, con 48. En competicións continentais o Peñarol ten disputado 10 finais da Copa Libertadores, récord absoluto, gañando 5 e perdendo nas outras 5. Na tempada 2011 caeu fronte ó Santos na súa última final.