A chirla (Chamelea gallina, Linnaeus 1767; antes Venus gallina) é unha especie de molusco bivalvo mariño, pertencente á familia dos Venéridos (Veneridae), da orde Veneroida.
Morfoloxía
Trátase dunha ameixa de pequeno tamaño (aínda que pode chegar a medir 4-4,5 cm), de cuncha sólida, equivalva, co umbo desviado cara a parte posterior e un perfil basicamente triangular. Presenta numerosas estrías finas concéntricas. Ten tres dentes cardinais en cada valva e ningún dente lateral. O bordo interior da cuncha é dentado.
A cor é castaña clara, amarelenta ou abrancazada, normalmente con bandas radiais anchas e máis escuras.
Hábitat e bioloxía
Está presente na costa europea do Atlántico, desde Noruega ata as Canarias e Madeira, pero é máis frecuente no Mediterráneo. Vive na franxa infralitoral, ata profundidades de 50 metros.
Importancia pesqueira e comercial
En Galicia non é obxecto de pesca pero na costa do Mediterráneo é máis estimada, para sopas e arroces.
Co nome de chirla desígnanse tamén outros moluscos de pequeno tamaño, e aplícase localmente á Gaivota chorona cando é nova (en Cangas, segundo Aníbal Otero) ou á lagosta común pequena (en Bares, concello de Mañón).