Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A Casa de Pavlov (en ruso: дом Павлова) é un edificio de apartamentos da cidade de Volgogrado. Durante a segunda guerra mundial, foi defendido na Batalla de Stalingrado entre 1942 e 1943. Recibiu o seu nome do sarxento Yakov Pavlov, que mandaba o pelotón que tomou o edificio e o defendeu durante a batalla.
O edificio
A casa era un edificio de catro andares no centro da cidade de Stalingrado, construído en paralelo á marxe do río Volga e diante da Praza do 9 de xaneiro, unha gran praza cadrada cuxo nome provén do Domingo Sanguento. O edificio foi atacado polos alemáns en setembro de 1942. Na noite do 28 de setembro[1], un pelotón do 42º Rexemento da 13ª División da Garda recibiu a orde de coller o edificio e defendelo. O pelotón estaba comandado polo xove suboficial Yakov Pavlov, que substituía o seu oficial superior que estaba ferido. Aínda que o conseguiron só catro homes sobreviviron ao combate. No soto, Pavlov descubriu a un pequeno grupo de rusos, civís e militares, algúns deles feridos graves. Eles sós conseguiron defender a praza ata que, días despois, as tropas de reforzo forneceron metralladoras, fusís antitanque e morteiros.[2] A gornición de vinte e cinco homes fortificou o perímetro do edificio con arame de espiño e minas, preparando posicións de metralladoras e fusís antitanque nas fiestras. Para mellorar as comunicacións e o abastecemento dentro do edificio, derrubaron os tabiques do soto e dos pisos superiores, ademais de escavar unha trincheira que os comunicaba con posicións soviéticas no exterior. As subministracións chegaban a eles a través da trincheira despois de atravesar o río en bote, evitando os bombardeos alemáns.[3][4]
O inconveniente sempre foi a subministración de auga e comida. A falta de camas, os soldados abriron tubos de amianto para tratar de durmir neles, a pesar do fogo de metralladora alemá día e noite. Os asaltos alemáns sucedían ao longo do día. Cada vez que os tanques alemáns tentaban atravesar a praza, os homes de Pavlov concentraban fogo pesado contra eles dende o soto, as fiestras ou o tellado, deixando atrás cadáveres e aceiro. Os alemáns retirábanse unha e outra vez. Os defensores e civís rusos que continuaban a vivir nos sotos resistiron dende o 23 de setembro ata o 25 de novembro de 1942, cando foron relevados polas forzas soviéticas ao contraataque.
O destacamento de defensores da casa de Pavlov incluía representantes dun gran número de repúblicas soviéticas: o sarxento Pavlov e dous dos seus homes, Alexandrov e Afanasiev, eran rusos, Subgayda e Gluschenko, ucraínos, Mosiyashvili e Stephanashvili xeorxianos, Turganov uzbeko, Murzayev kazako, Turdiev taxico e Ramazanov tártaro.[5]
Nos mapas de batalla do 62º Exército Soviético, a casa en terra de ninguén comezou a ser chamada "Dom Pavlov" (Casa de Pavlov) e converteuse nun lugar de apoio e referencia. Os soviéticos verificaban observacións de movementos das tropas alemás, reportando, por exemplo, tanques inimigos a 200 metros ao norte da Casa de Pavlov. Nos mapas alemáns, o edificio foi marcado como un punto fortificado.
O xeneral Vassili Chuikov, comandante das forzas soviéticas en Stalingrado, declarou con sorna que os nazis perderon máis soldados tentando tomar a casa de Pavlov que tomando París.[6][7]
Foi reconstruída despois da batalla e aínda se usa como edificio de apartamentos. Na parte oriental do edificio orientado ao Volga, levántase un monumento formado polos ladrillos recollidos tras a batalla.