Foi mandada construír por Pedro Núñez de Prado en 1450, terceiro fillo home do Señor de Albires, cando se mudou ás súas posesións no Antigo Reino de Galicia durante as Guerras Irmandiñas[2]. Amparada polo Conde de Lemos, familia coa que emparentou, a Casa adquiriu o cualificativo de Grande en torno a 1580, cando Domingo López de Prado Regulfe fundou o Vínculo Regular e de Sangue. Un segundo Vínculo Regular e de Sangue fundado por Don Domingo II López de Prado Lamela, IV Morgado, o 2 de xaneiro de 1700 consolidou o prestixio da Casa, que para entón controlaba numerosas Capelanías e Beneficios Curatos.
O 20 de abril de 1809, Manuel Joseph Martín López de Prado Rodríguez-Varela liderou o alzamento contra o Sexto Exército Francés e o seu caudillo, o Mariscal Michel Ney. Os guerrilleiros galegos foron masacrados. Estímase que uns 1.500 civís foron exterminados na represión posterior, mais grazas a esta acción os franceses tiveron que renunciar á reconquista de Vigo. Manuel foi executado, perdendo a Casa Grande o seu VIII Morgado.
É o lugar patrucial máis antergo da liñaxe López de Prado, tronco entre outras da familia do Brigadier de Cabalería e Cabaleiro da Real Orde de Carlos III, Andrés López de Prado Sagastizábal.
Propiedades
Amasou unha considerable superficie de terras, chegando a ser a maior propiedade en coto redondo do concello de Bóveda: 60 hectáreas para o coto de Lamela e 24 para o de Marzán.
As súas terras están regadas polo río Cabe, afluente do Sil, que nace no veciño concello do Incio. Abundan os bosques de carballos (Quercus robur, Quercus pyrenaica) e castiñeiros (Castanea sativa), con exemplares de até 500 anos de idade.
A pesar das Leis Desvinculadora de 1820, os bens da Casa permanecen indivisos na actualidade.
Descrición
Trátase dunha grande casa señorial típica da alta fidalguía galega, acondicionada para a residencia de varias ducias de familiares. Ten unha fachada realizada en cantería de pedra, grandes fiestras e balconada, numerosos cuartos abertos a un patio central interior, solaina e un grande xardín. Conta tamén cunha capela pegada, cabaleirizas, hórreo, adega e pombal nas proximidades. O escudo de armas, de grandes dimensións, foi trasladado ó Museo de Lugo.
Peculiaridades
Destaca a súa enorme biblioteca e arquivo, resultado de case seis séculos de continua habitación.