Carlos Alberto Fenoy Muguerza, nado en Buenos Aires o 15 de outubro de 1948, é un exfutbolista arxentino que xogaba na demarcación de gardameta.
Traxectoria
Na Arxentina desenvolvería a súa carreira en Newell's Old Boys, Vélez Sársfield e Club Atlético Huracán, chegando a Europa na tempada 1976-77 ao Real Club Celta de Vigo
O gardameta arxentino xogou no Celta catro tempadas, durante as cales disputou 90 encontros e marcou 5 goles, todos no seu segundo ano en Vigo, ao encargarse de lanzar gran parte dos penaltis, estreándose ante a Real Sociedad de Arconada. O equipo viuse obrigado a disputar a promoción de descenso, na cal perdería e se vería relegado a Segunda División, caso que se repetiu en varias ocasións neses anos nos que o Celta tivo o papel de equipo ascensor entre Primeira e Segunda División.
Ao cabo das catro tempadas foi traspasado ao Real Valladolid despois dunha tempada na que pasou de ser un ídolo para a afección a ser pitado e recriminado polas súas actuacións, despedíndose do equipo mediada a tempada. No equipo castelán xogou oito tempadas, marcando outro gol.