Capsómero

Neste diagrama dun adenovirus, os capsómeros que forman a cápside son claramente visibles.

Os capsómeros (do latín capsa, 'caixa' e do grego μερος, meros, 'parte') son as subunidades morfolóxicas que forman a cápside dos virus, a cuberta proteica xeralmente icosaédrica ou helicoidal que protexe o material xenético dun virus. Os capsómeros autoensámblanse para formar a cápside durante a replicación vírica.[1] Están formados por grupos de moléculas proteicas idénticas (protómeros) que están unidas por enlaces non covalentes e son visibles con microscopio electrónico. Cada capsómero pode estar constituído por unha ou varias proteínas. Algúns capsómeros teñen unha función receptora ou fusoxénica ademais da función de empaquetamento .

Cápside icosaédrica

Capsómeros de cápsides icosaédricas

Os capsómeros poden clasificarse en función da súa localización na cápside. Por exemplo, nunha cápside icosaédrica, hai 12 vértices. Cada un destes doce vértices está ocupado por un pentámero. O pentámero chámase así porque ten 5 capsómeros veciños. Nos espazos entre os pentámeros son hexámeros, que constitúen a maior parte dunha cápside icosaédrica. Estes teñen cada un seis capsómeros veciños. Nunha cápside icosaédrica, sempre haberá 12 pentámeros, mais o número de hexámeros é variable.

En cápsides icosaédricas os capsómeros (unidades morfolóxicas) son poliproteínas constituídas por cinco ou seis proteínas ou monómeros proteicos (unidades estruturais). Estes monómeros proteicos tamén se chaman, nalgúns grupos de virus como os Picornavirus, protómeros. Á súa vez, en certos virus, os protómeros posúen distintos dominios proteicos denominados dominios RVC. Ás veces as caras dun virus icosaédrico coinciden co número de monómeros ou protómeros, pero non sempre ten que ser así.

Aplicación

Os capsómeros úsanse na construción de partículas similares a virus para elaborar vacinas.[2]

Notas

  1. Benjamin S. Weeks (2012). Alcamo's Microbes and Society. Jones & Bartlett Publishers. p. 113. ISBN 978-0-7637-9064-6. 
  2. L. H. Lua, N. K. Connors, F. Sainsbury, Y. P. Chuan, N. Wibowo, A. P. Middelberg: Bioengineering virus-like particles as vaccines. In: Biotechnology and bioengineering. Volume 111, Número 3, marzo 2014, S. 425–440, ISSN 1097-0290. doi 10.1002/bit.25159. PMID 24347238.
  • Bennington, James L. (2000). Diccionario enciclopédico de laboratorio clínico (Reimpr.). Madrid: Editorial Médica Panamericana. ISBN 84-7903-608-7. 
  • Villanueva Alfonso, Rafael (Coord.) (2000). Diccionario Mosby de medicina, enfermería y ciencias de la salud (5ª ed.). Madrid [etc.]: Harcourt. ISBN 84-8174-380-1.