O primeiro rexistro da enfermidade remóntase a 1995[1][2], cando un fotógrafo de animais retratou tres individuos de diaño de Tasmania con deformacións faciais. As fotografías foron tomadas na costa leste da illa de Tasmania.
Na década seguinte, comezaron a proliferar os avistamentos, concentrados ao comezo na costa oriental da illa, e progresando cara ao oeste conforme pasou o tempo. As primeiras investigacións, que non se iniciaron ata 1998[3]. Dende 1995 ata 2005 a poboación da criatura na illa reduciuse entre un 20% e un 50%[4][5] Nas poboacións máis compactas do leste as cifras achegáronse ao 100% de mortandades.[6].
As principais hipóteses de traballo para determinar as causas das malformacións cancerosas foron axentes químicos (como pesticidas e velenos), virus e bacterias. Porén, a distribución xeográfica dos primeiros casos (en parques nacionais onde era moi estraña a presenza de produtos químicos, así como os elevados niveis de inmunodeficiencia, mesmo nos individuos enfermos, levaron a descartar esas opcións[3][7]. Non foi ata 2005 que un grupo de traballo liderado pola científica Anne-Maree Pearse propuxo a hipótese dun cancro contaxioso. Diversas análises posteriores confirmaron a hipótese ao identificar un patrón xenético no cancro distinto do dos animais portadores[8][9][10], é dicir, os animais recibían o cancro por contaxio doutro individuo, que tamén á súa vez o recibiría dun individuo anterior. A pregunta nese momento era por que un sistema inmunolóxico tan resistente coma o dos diaños de Tasmania non detectaba o cancro como un corpo estraño e o rexeitaba. A resposta atopárona os científicos na alta taxa de endogamia, nunha especie que estivo próxima da extinción nos anos corenta do século XX, e que se recuperou a partir de poucas cepas xenéticas[3][11][12].
Características
Os signos máis visíbeis desta enfermidade son tumores externos, protuberantes e a miúdo en carne viva, que se presentaban no interior da boca, no contorno da boca, faciana e cabeza (85% dos casos) e ademais polo resto do corpo (15% dos casos)[3]. O tumor dificulta a alimentación do animal e acaba por matalo coa fame.
O cancro é un tumor neuroendocrino, e as súas células comparten un mesmo patrón de cromosomas[13]. A vía de transmisión principal é a trabada por parte doutro individuo, que inocula directamente as células cancerosas dende a súa boca na boca, cabeza ou corpo do outro individuo. Dado o comportamento agresivo destes animais, as feridas son frecuentes cando loitan pola comida ou no apareamento. Por esa razón o número de cancros era moito máis elevado en machos do que en femias, e practicamente non existía en individuos xuvenís.
Identificáronse cando menos nove cepas distintas deste cancro, que demostran que a enfermidade está a evolucionar e que se está a facer máis virulenta[14]. A proliferación de cepas dificultou os intentos de atopar unha vacina, e podería dar lugar a que se transmitise a outras especies, coma o quoll.[15]. O diaño de Tasmania ten 7 pares de cromosomas, mentres que as células tumorais só conteñen 13[16].
En resposta á virulencia da enfermidade, 47 individuos foron levados a parques naturais na illa de Australia para preservar a diversidade xenética da especie. Tamén se están a levar prácticas de eliminación selectiva dos individuos infectados, con algúns resultados satisfactorios[18][19].
Notas
↑
Loh, Richmond. 2003. Tasmanian Devil (Sarcophilus harrisii) facial tumour (DFT). Comunicación presentada no Devil Facial Tumour Disease Workshop, Sir Raymond Ferral Centre, Universidade de Tasmania, Newnham, 14 de outubro de 2003, p. 2.