O Evanxeo de Xoán cita tamén Caná porque aló se atopaba Xesús Cristo cando lle van pedir de sandar ao fillo do funcionario real de Cafarnaúm (4, 46) e coma cidade natal de Natanael, identificado co apóstolo Bertomeu. Algunhas tradicións indican que Caná sería tamén a cidade onde naceu Simón o Celote, outro dos doce apóstolos de Xesús Cristo. Porén en toda a Biblia non se fai máis referencia ao lugar.
Non se coñece a localización topográfica, xa que o evanxelista non a indica. Unha tradición que se remonta ao século XIII identifícaa coa vila de Kafr Kanna, sete quilómetros ao nordés de Nazaret; outros sitúana en Kenet al-Jalil (literalmente, en lingua árabe, 'Caná de Galilea'), máis ao norte; en Aín Kana, máis achegada que as outras dúas localidades e máis probábel pola etimoloxía do nome; ou incluso en Qana, ao sur do Líbano.
De todos os xeitos, non está claro que a cidade existise realmente. Algúns historiadores e estudosos da Biblia[quen?] coidan que o Evanxeo de Xoán foi escrito para un público culto mais non necesariamente coñecedor da xeografía de Palestina, os cales afirman que Caná podería ser tan só un nome cunha función teolóxica e simbólica, máis ca histórica.