Os Campos de Pepe Rojo e Ricardo Sánchez son unhas instalacións deportivas do concello de Valladolid, compostas originalmente por dous campos de rugby, que hoxe son catro. Estas instalacións forman parte do Complexo Deportivo Cidade de Valladolid, xestionado pola Fundación Municipal de Deportes, que se atopa na estrada de Renedo, km 3'7.
No campo principal, con capacidade para acoller a 5000 seareiros sentados, xogan os seus encontros como locais os importantes equipos Club de Rugby El Salvador e Valladolid Rugby Asociación Club, varias veces campións da División de Honra de Rugby e da Copa do Rei de Rugby.
Historia
As instalacións reciben o nome do que foi presidente da Federación de Rugby de Valladolid nos anos 60, José Rojo Giralda, e do primeiro presidente da Federación de Rugby de Castela e León nos anos 80, Ricardo Sánchez Rodríguez, malia que a maioría dos afeccionados empregan sinxelamente o nome "Pepe Rojo".[1] Pepe Rojo e Ricardo Sánchez están considerados os persoeiros que máis loitaron no seu día para que a cidade de Valladolid contase cunhas instalacións adicadas ó rugby.
Os campos foron inaugurados oficialmente o 21 de maio de 1983 cun encontro entre a selección de rugby de Castela e León e a de Gales que rematou cun resultado de 3-83 no marcador.[2]
Características
No campo número 1 a tribuna principal, a máis antiga, ten capacidade para 1200 seareiros sentados, e ten unha cuberta tensoestática de 80x10 metros. No lateral contrario hai outra tribuna, ampliada en 2016, que non ten tellado, e tamén está a cabina de prensa. Nun dos fondos hai unha bancada de nova construción, froito da ampliación de 2016, cunhas 300 localidades de asento. No outro fondo está a entrada ó recinto, e un edificio dotado cun bar, os vestiarios e almacéns. É o único lado sen bancadas. O terreo de xogo ten unhas dimensións de 128x69 metros.
O campo número 2 está situado en paralelo ó campo número 1, trala tribuna principal, que comparten. O campo número 3 tamén está situado en paralelo, trala outra tribuna, e conta con pistas de atletismo. Os terreos de xogo dos campos 2 e 3 teñen unhas dimensións de 120x70 metros. Hai un campo número 4 de 60x47 metros apto para adestramentos pero non para encontros.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Outros artigos