Trátase dunha pasarela peonil de máis de 3 quilómetros, encostada á roca no interior dun canón, con tramos dunha anchura de apenas 1 metro, colgando ata 100 metros de altura sobre o río Guadalhorce, nunhas paredes case verticais. O paso do tempo produciu unha gran deterioración, case todo o percorrido estaba sen varanda e había segmentos derrubados, quedando só a viga de soporte. En 2014 iniciáronse obras para lograr a súa rehabilitación, construíndose unha nova pasarela con paneis de madeira ao longo do seu percorrido. Os traballos finalizaron no primeiro trimestre de 2015 e a súa apertura efectuouse en marzo dese ano. Pódense realizar excursións previa reserva.[1]
O camiño construíuse entre 1901 e 1905 para facilitar o paso dos operarios de mantemento, transporte de materiais e vixilancia dos saltos do Gaitanejo e El Chorro, pertencentes á Sociedade Hidroeléctrica de El Chorro. En 1921 o rei Afonso XIII foi á inauguración da presa do Conde do Guadalhorce cruzando para iso o camiño previamente construído, ou polo menos visitouno. A partir deste momento empezóuselle a chamar Caminito del Rey. Varios accidentes mortais levaron á Xunta de Andalucía a pechar o camiño en 2001.[2] Mantívose pechado ao público ata 2015.