Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
Os Cadernos da Escola Dramática Galega (que até o número 54 foron chamados Cuadernos da Escola Dramática Galega) eran unha publicación periódica de textos e materiais teatrais en lingua galega que viu a luz por primeira vez en maio de 1978. Xurdiu como unha iniciativa da Escola Dramática Galega e foi impulsada por Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Maior. Continuaron baixo o nome Cadernos de Teatro a partir de 1994.
Contexto
Para entender a creación destes cadernos hai que ter en conta a situación política e cultural do momento. Alén disto, foron de gran relevancia no ámbito teatral galego, xa que este estivo moi descoidado até o momento e había unha serie de baleiros por encher.
No ano 1978, data na que tamén aparece o primeiro número, apróbase en referendo a Constitución Española que establecía un réxime democrático descentralizado que abría as portas ás “nacionalidades históricas” da creación duns estatutos de autonomía que lles concederían uns poderes políticos moi ansiados, incluíndo os referentes á cultura.
Esta publicación tamén foi importante por contribuír a converter o teatro galego nun teatro “nacional” e á “normalización” do teatro en galego, suxerindo así liñas estéticas e temáticas.
Obxectivos
A principal pretensión dos Cadernos era cubrir unha serie déficits do teatro galego a través das seguintes accións:
Achegar a un novo público crecente e interesado no teatro as obras dos grandes dramaturgos do teatro universal, nun momento de cambios en Galiza, a través de diferentes traducións e versións.
Publicación de ensaios e estudos críticos sobre a historia do teatro galego ou sobre as técnicas e as infraestruturas teatrais (como por exemplo: formación de actores, directores e especialistas; ensinar en escenografía e maquillaxe; etc.).
A publicación
Os cadernos foron dirixidos desde o seu comezo por Francisco Pillado Maior, coordinados por Manuel Lourenzo e administrados por Xosé M. Vázquez (substituído por Xoán M. López Eirís a partir de 1987).
Nos seus inicios a publicación era mensual, mais desde 1980 comezou a ser bimensual. En 1993 xa se alcanzaran os 100 números, chegando aos 105 en maio de 1994, a última das publicacións. Alcanzaron un grande éxito, chegando á publicación de 2.000 exemplares e contando cun gran número de subscritores (arredor de 500)[2] e sendo a única publicación regular e continuada de teatro a nivel estatal, non só en Galiza.
En 1994, coa disolución da Escola Dramática Galega, a supervivencia dos Cadernos estaba en risco, mais puideron continuar publicándose durante dous anos máis adoptando o nome de Cadernos de Teatro e sendo dirixidos polo mesmo equipo directivo.
↑Lourenço Módia, Cilha, O Teatro Circo na configuración do Teatro Independente Galego (1967-1978), Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2013, p. 172-173
↑Vilavedra, Dolores. Diccionario da Literatura Galega, Vigo, Editorial Galaxia, 1995-2000 (vol. 2) p. 90.