Mentres que a xeneralidade dos rons proveñen das melazas —un subproduto da elaboración do azucre posterior á súa cristalización—, o ron de cachaza procede da cachaza, que é un subproduto anterior á cristalización do azucre.[1]
O seu contido en alcohol oscila entre o 38 % e o 51 %.[2]
Cómpre destacar que se trata dun tipo de ron, pese á crenza popular de que se trata dunha bebida distinta.
A cachaza é a base da caipirinha, a bebida alcohólica destilada brasileira máis común.
Historia
A orixe desta augardente remóntase á primeira planta de cana de azucre introducida en terras brasileiras polos colonizadores portugueses a principios do século XVI, traída desde a illa de Madeira. Empezou a servirse aos escravos africanos xa que os facía máis enérxicos e activos no traballo. Ao longo dos anos, o destilado evolucionou e, en 1920 converteuse no símbolo etílico do país. Actualmente o goberno do Brasil, co apoio da industria de bebidas, logrou instaurar a Denominación de Orixe propia para esta augardente, conseguindo así unha regularización da súa calidade, e unha ampliación das súas posibilidades de exportación.[2]
Elaboración
A produción da cachaza comeza co cultivo da cana de azucre. No momento óptimo, estas canas primeiro córtanse e despois tritúranse; o zume extraído así chámase guarapo. Este mosto ferméntase para xerar o alcohol. Dependendo do tipo do produto pode realizarse ou non un envellecemento en depósitos ou barrís de madeira. A lei permítelle engadir até 6 g de azucre por litro.[2]
Notas
↑Alejandro Tartalero Villaseñor (1998): De la casa a la máquina de vapor. Madrid: Siglo 21, 2ª ed, p. 307.