Branko Milovanović (en serbio: 'Бранко Миловановић'), nado o 13 de xaneiro de 1973 en Osečina, é un exfutbolista iugoslavo. Xogaba de centrocampista e o seu primeiro equipo foi o OFK Beograd. Militou ademais en equipos das ligas española, portuguesa, grega e belga.
Traxectoria
Nado na vila serbia de Osečina, formouse como futbolista nas categorías inferiores do Podgorka Osečina, o RFK Budućnost e, dende os 16 anos, o OFK Beograd. Neste último equipo fixo o seu debut como profesional na tempada 1992/93, xogando tres tempadas co club na liga iugoslava. Disputou 71 encontros de liga e marcou 10 goles.
Na tempada 1995/96, fichou polo Deportivo da Coruña, por petición persoal do adestrador John Benjamin Toshack, que xa tentara a súa contratación na súa etapa anterior na Real Sociedad.[1] Debutou co club coruñés na segunda xornada de liga de Primeira División, na derrota por 4-0 contra o Compostela en San Lázaro, substituíndo na segunda parte do partido ao seu compatriota Miroslav Đukić. Xogou trece encontros ao longo da tempada, a maioría deles como suplente. Sen sitio no equipo na tempada seguinte, foi incluído na operación de traspaso de Nuno, pasando o iugoslavo a xogar no Vitória Sport Clube de Guimarães.[2]
Tras dúas tempadas no Vitória, pasou polo fútbol grego, xogando no AEK Atenas e o Ethnikos Asteras, antes de regresar no ano 2000 ao fútbol serbio, para militar no FK Milicionar de Belgrado. A continuación xogou dúas tempadas no Charleroi belga e pechou a súa carreira no FK Vojvodina de Novi Sad.
En xuño de 2012 fíxose cargo da secretaría técnica do UD Las Palmas, cargo que ocupou durante dous anos.[3][4] Posteriormente pasou a traballar en diferentes áreas do club canario.[5]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
Debut na Recopa de Europa |
|