San Miguel de Boimil[1] é unha parroquia que se localiza no centro do concello coruñés de Boimorto na comarca de Arzúa. Segundo o IGE en 2018 tiña 62 habitantes (31 mulleres e 31 homes) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 100 habitantes.
Etimoloxía
O topónimo «Boimil» proviría de vila boimili, isto é, do antropónimo do seu posuidor.[3] Por outra banda, Cotarelo Valledor recolleu a seguinte etimoloxía popular sobre a orixe do topónimo:
O orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua ('Boi-mil') desmandóuselle unha das cabezas ('Boi-ido'), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran ('Boi-morto')[4]
En tempos antergos, cando aquelas terras aínda non tiñan nome, pasóu por alí un rico propietario de moito gando -mil ou máis cabezas, asegúrase-. E como quer que o pasto era bo, parouse alí de asento pra que a facenda pastara nos fartos herbales. As xentes que tal viron asombrábanse de tanta riqueza, e quedoulle ao lugar o nome de Boi-mil. Nesto acontecéu que un dos bois moscouse e botóu a fuxir. Andaba o animal un pouco arredado da manada, e aquil sitio chamóuse Boi-ido. Mandóu o amo aos mozos pastores que fosen recadalo; correron en pos del, pero non conseguiron botarlle man porque era moi bravo. Entón determinaron de darlle morte, pra aproveitar polo menos a carne e máis o pelexo. O remate da historia deu orixe ao nome do lugar: Boi-morto[5]
Verea Castelo, María de los Ángeles (2023). A industria cerámica en Boimorto. Ézaro Ediciones; Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial. ISBN978-84-125759-4-1.