Blanca Jeannette Kawas Fernández, nada en Tela (Honduras) o 16 de xaneiro de 1946 e finada na mesma cidade o 6 de febreiro de 1995, foi unha activista do medio ambiente hondureña, coñecida polo seu papel no rescate de máis de 400 especies de flora e fauna de Honduras durante os seus últimos anos até o seu asasinato.[1] O Parque nacional Jeanette Kawas é nomeado na súa memoria.
Traxectoria
Jeannette Kawas naceu en Tela, Atlántida, estudou na escola "Miguel Paz Barahona" e conseguiu o seu título de Perito Mercantil e Contador Público en 1967, posteriormente comezou a traballar nalgunhas institucións financeiras durante a década de 1970.
Casou con Jim Watt, e entre 1977 e 1979 deu a luz a dous fillos.
A principios de 1980 emigrou cos seus fillos á cidade estadounidense de Nova Orleans, onde estudou computación e obtivo diversos certificados, premios e mencións polos seus logros e excelencia académica. A principios de 1990 comezou o seu papel de traballo na Asociación Hondureña de Ecología. As actividades de Jeannette Kawas e os progresos realizados para preservar 449 especies de plantas, a diversidade de flora e fauna, lagoas costeiras, afloramentos rochosos, pantanos, mangleiros, costas rochosas, praias de area e selva situadas nunha franxa costeira de 40 quilómetros, foron obstáculos para proxectos empresariais.[2]
Asasinato
Kawas realizou actos en contra do goberno de Carlos Roberto Reina Idiáquez debido ao outorgamento de títulos de propiedade a campesiños e empresarios nas reservas de Punta Sal, hoxe chamado Parque nacional Jeanette Kawas.
Dous días despois da protesta, o 6 de febreiro de 1995, atopábase na súa casa, ás (19:45 horas) 7:45 p.m. Foi asasinada con arma de fogo por dous sospeitosos, non identificados na súa casa no barrio El Centro, na cidade de Tela, Atlántida. Entre os sospeitosos de asasinato atópanse o coronel Mario Amaya (coñecido como Tigre Amaya), quen se reuniu co sarxento Ismael Perdomo e Mario Pineda (tamén coñecido como Chapin) na xefatura de policía de Tela.[3][4]
Feitos posteriores
Como non había interese nos operadores de xustiza de Honduras en aclarar as causas do asasinato, o 13 de xaneiro de 2003, o Equipo de Reflexión, Investigación y Comunicación (ERIC) da Compañía de Xesús e o Centro para la Justicia Internacional (CEJIL) enviaron tres solicitudes individuais á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, nas que responsabilizaba ao Estado de Honduras polos asasinatos de Kawas, Carlos Escaleras e Carlos Luna López.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos