O binóculo[1] ou prismáticos[2] é un instrumento óptico empregado para ampliar a imaxe dos obxectos afastados, igual que o anteollo e o telescopio, mais a diferenza destes provoca o efecto da estereoscopía na imaxe e por iso é máis cómodo apreciar a distancia entre obxectos afastados e seguilos en movemento.
O binóculo posúe un par de tubos e cada tubo contén unha serie de lentes e un prisma, que amplían a imaxe para cada ollo, producindo a estereoscopía.
Funcionamento
Este instrumento serve para ver obxectos afastados que non se poden ver a simple vista. A ampliación lógrase cando a luz atravesa cada serie de lentes. Os prismas corrixen a imaxe colocándoa na posición correcto, por medio do principio da reflexión interna total, a diferenza dos telescopios que a amosan invertida. Tradicionalmente, a maioría dos modelos empregan un par de prismas. O ocular de cada cámara non está aliñado co obxectivo e o prisma reflicte a luz en forma de S cara ao ocular.
Moitos modelos permiten axustar a distancia entre os oculares para adaptarse ao observador. Tamén posúen unha roda de enfoque que se xira para enfocar a imaxe. Xeralmente o ocular dereito ten un anel de corrección dióptrica que se xira para conseguir a dioptría diferente no ocular esquerdo e mellorar o enfoque da imaxe observada con ambos os ollos.
Ao ser o binóculo un pequeno telescopio refractor cun sistema de prismas para acurtar o tubo de soporte e evitar a visión invertida, ten menor capacidade de aumento ca un telescopio, mais ten maior campo de visión. Para impedir as vibracións convén fixalo nun trípode.
Clasificación de binóculos
A clasificación baséase no nivel de ampliación da imaxe e o diámetro do obxectivo medido en milímetros; indícase con dous números separados por un ×. Por exemplo, un binóculo de 12×50 ten un nivel de ampliación de 12× (12 aumentos) e un par de obxectivos de 50 mm de diámetro.
O binóculo de menor alcance é de 3×10 e adoita usarse nos teatros. Os de 7×50 e 10×50 son para a observación afeccionada e observacións astronómicas. Os de 12×50 ata 20×50 para a exploración. Todos estes sostéñense coas mans, mais existen binóculos tan grandes como 20×80, 20×140, que teñen que soster en trípodes debido ao seu peso.
Nos binóculos de ampliación variable como os 8-24×50 aprovéitase unha configuración interna móbil para proporcional un binóculo que amplía dende 8× ata 24× empregando o corpo dun só binóculo.
O nivel de ampliación práctico é ata 10× e os modelos que se poden soster coas mans son de ata 20×.