Comezou a súa vida política na asociación de estudantes ERGA con dezaseis anos. Formou parte de Galiza Nova, as mocidades do BNG desde a súa fundación ata 1998, e foi o seu secretario xeral entre 1992 e 1998.
O 25 de marzo de 1996 accedeu como deputado ao Parlamento de Galicia, en substitución de Guillerme Vázquez.[1] Continuou como deputado na V, VI, VII e VIII Lexislatura. Membro do Consello de Contas e da comisión lexislativa que analizou a catástrofe do Prestige, foi voceiro da súa formación para asuntos pesqueiros e marítimos, vicevoceiro e presidente da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento. Foi Secretario de Organización do BNG na Executiva Nacional que tivo como portavoz nacional ao catedrático Xavier Vence, e dende 2017 é Coordinador de Organización da Executiva encabezada por Ana Pontón.[2][3]