Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
A sección da barra determina a magnitude da corrente que pode transportar. Así poden ser desde barrotes finos de 10 mm2 até tubos de 50 mm ou máis de diámetro como os usados en subestacións eléctricas. Nunha fundición de aluminio haberá barras moi grosas para conducir centos se miles de amperios ás celaselectroquímicas nas que se produce o aluminio a partir de sales fundidas, mediante o proceso Hall-Héroult.
Deseño e colocación
As barras eléctricas tipicamente son tiras planas ou tubos ocos, xa que esas formas permiten unha disipación máis eficiente da calor, debido a que teñen unha grande relación entre a superficie exterior e a sección.
O efecto pelicular debido á frecuencia de servizo de 50–60 Hz da corrente alterna fai que as barras máis grosas de 8 mm sexan ineficientes, polo que predominan as formas planas ou ocas para o transporte de grandes intensidades. Alén diso, unha sección oca é máis ríxida que a varela equivalente en capacidade de transporte de corrente, o que permite vans maiores entre soportes nas barras das subestacións.
As barras pódense colocar encima de illadores ou estar totalmente recubertas por eles. Protéxense de contactos accidentais das persoas mediante envolturas metálicas postas a terra ou ben colocándoas elevadas sobre o chan, fóra do alcance. As barras de terra e de neutro tamén se poden illar, tipicamente están roscadas nun chasis metálico que lles serve de envoltura. Ás veces cada barra cóbrese cunha protección metálica en forma de conduto, formando o que se chaman barras de fases segregadas ou de fases illadas.
As conexións das barras entre si ou con outros aparellos faise mediante parafusos, grampas ou soldaduras. Ás veces as unións chápanse en prata para reducir a resistencia de contacto. Cando transportan correntes a tensións elevadas (maiores de 300 kV) no exterior, pódense producir descargas de coroa arredor das conexións, o que produce perdas de enerxía e interferencias en radiofrecuencia, polo que para esas tensións adóitanse usar conectores con deseños especiais.
Mediante o uso de varios condutos de barras (ou barras coa súa cuberta de protección) e paneis de distribución, conséguense configuracións de circuítos con varias ramificacións, de forma modular.
Uso do termo barra na electrónica dixital e na informática
Por similitude coas barras eléctricas, na electrónica dixital dáselle o nome de barras á disposición dun conxunto de condutores paralelos para a transmisión de sinais entre dispositivos como CPU e memoria.