El Hadji Serigne Mouhamadou Lamine Bara Mbacké, ou xeque Bara Mbacké, nado en 1925 en Touba e finado o 1 de xullo 2010, foi un relixioso senegalés e gran marabú do muridismo.
Traxectoria
O xeque Bará Mbacké era o fillo máis vello de Mouhamadou Fallilou Mbacké, o segundo califa do muridismo, e neto do xeque Amadou Bamba, o fundador desta seita musulmá do Senegal. Era sobriño de Serigne Saliou Mbacké, o quinto califa, e ascendeu ao sexto califato do muridismo o 28 de decembro de 2001, á morte do seu predecesor, que o designara persoalmente.
O califa do muridismo é o líder espiritual da principal comunidade relixiosa do Senegal, e controla un gran número de recursos económicos no país. A súa capital é Touba, unha cidade do interior. O presidente senegalés Abdoulaye Wade presentoulle os seus respectos como califa ao día seguinte de ascender ao califato.
Bara Mbacké foi o primeiro neto de Bamba en dirixir o muridismo, e o máis vello, pois accedeu ao califato con 82 anos. Falaba diversas linguas, entre elas o uolof, o árabe, o francés e o inglés.