O Basketball Club Khimki Moscow Region (en ruso: баскетбольный клуб Химки Моско́вской о́бласти, romanizado: Basketbolʹnyĭ klub Himki Moskóvskoĭ óblasti) é un equipo de baloncesto profesional da cidade de Khimki, pertencente ao Óblast de Moscova, Rusia. Actualmente milita na VTB United League.
Historia
O BC Khimki está considerado un dos clubs de baloncesto máis importantes de Rusia. Fundouse o 5 de xaneiro de 1997 como resultado ao desexo da Administración do Óblast de Moscova de ter relevancia deportiva, traballando dende un primeiro momento para crear un equipo a curto prazo capaz de competir a nivel nacional. Na súa primeira tempada proclamouse campión da súa rexión, o que lle permitiu loitar e acadar unha praza na tempada 1998-99 na Superliga rusa, chegando deste xeito en só dous anos á máxima categoría.
Na tempada seguinte, o club rematou entre os dez mellores equipos da Superliga, o que lle deu dereito a participar na seguinte edición da Copa Korać, sendo a primeira das súas participacións en competicións europeas. Nos anos seguintes, o club ocupou os postos da metade da táboa da Superliga do seu país ata que na tempada 2002-03 o seu brillante xogo o levou a finalizar cuarto na competición.
A partir de entón, o club investiu unha gran cantidade de cartos en fichar xogadores de recoñecido prestixio internacional como Gianmarco Pozzecco, Óscar Torres ou Rubén Wolkowyski. Isto levounos a dar un salto cualitativo que culminou coa disputa da final da EuroChallenge do 2006 ante o Joventut de Badalona, na que caeron por 88-63. Na tempada 2007-08, o club fíxose co seu primeiro título oficial ao proclamarse campión da Copa rusa.
Na actualidade, o Khimki BC está tentando converterse nun dos clubs máis importantes, non só de Rusia senón de toda Europa,[1][2] para o que está investindo cantidades enormes de cartos en confeccionar un cadro de xogadores co que poder optar a gañar tódalas competicións nas que participa, fichando xogadores con papeis importantes na NBA como os internacionais pola Arxentina e España: Carlos Delfino e Jorge Garbajosa. Dende decembro de 2008 o adestrador do equipo é o italiano Sergio Scariolo. Nos últimos anos o equipo é habitual nas competicións europeas. Participou varias veces en torneos como o EuroChallenge e a ULEB Eurocup. En 2006, o Khimki xogou a final do propio EuroChallenge ante o Joventut Badalona.
O Khimki xoga os seus partidos como local no Novator Stadium (en ruso: Дворец спорта «Новатор»), tamén coñecido como Basketball Center Of Moscow Region ou Novator Indoor Arena. Situado na cidade de Khimki, inaugurado en 1970 e remodelado en 2010, conta con capacidade para 6.000 espectadores.