Distribución mundial,[3] con subespecies:S. l. plotus subespecie nominalS. l. etesiacaS. l. brewsteri
O atobá pardo,[4] ou mascato pardo[5] ou mascato tropical[6] (Sula leucogaster) é unha grande ave mariña da familia Sulidae, das cales é quizais a especie máis espallada.[3] Ten unha distribución pantropical, que se solapa coa doutras especies de atobás. O gregario atobá tropical viaxa diariamente para buscar alimento a baixa altura en augas costeiras. As bandadas mergúllanse en picado para capturar pequenos peixes, especialmente cando estes son dirixidos cara a superficie polos seus predadores. Só fai o niño no chan e póusase sobre obxectos sólidos e non sobre a superficie da auga.[3]
Taxonomía
O atobá pardo foi descrito polo polígrafo francés Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon na súa Histoire Naturelle des Oiseaux en 1781.[7] A ave foi tamén ilustrada nun gravado pintado a man por François-Nicolas Martinet na obra Planches Enluminées D'Histoire Naturelle, realizada baixo a supervisión de Edme-Louis Daubenton para acompañar o texto de Buffon.[8] Buffon non incluíu un nome científico coa súa descrición, pero en1783 o naturalista holandés Pieter Boddaert acuñou o nome binomial de Pelecanus leucogaster no seu catálogo das Planches Enluminées.[9] A localidade tipo é Cayenne na Güiana Francesa.[10] O actual xénero Sula foi introducido polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson en 1760.[11] A palabra Sula é norueguesa e significa mascato; o nome específico leucogaster procede do grego antigoleuko, 'branco' e gastēr, 'barriga'.[12]
A súa cabeza e partes superiores do corpo están cubertas por unha plumaxe de marrón escura a negra, co resto (ventre) de cor branca. Estas cores básicas varían xeograficmente, pero non estacionalmente.[3] A especie tamén presenta dimorfismo sexual nas cores básicas, o macho ten un anel ocular azul, a diferenza da femia que o ten amarelo. Ademais o macho da subespecie S. l. brewsteri ten unha plumaxe distintiva porque a fronte, parte anterior do píleo e queixo son brancos, que se fusionan co pescozo e peito marróns agrisados.[3]
A femia chega aos 80 cm de lonxitude, a súa envergadura alar mide 150 cm, e pode pesar ata 1 300 g. O macho chega a 75 cm de lonxitude, a súa envergadura alar mide ata 140 cm e pode pesar ata 1 000 g.[15]
A diferenza doutras especies de súlidos a plumaxe xuvenil xa lembra a do adulto.[3] Son marróns agrisados máis escurecidos na cabeza, superficies superiores das ás e cola, mentres que a parte inferior do peito e partes inferiores teñen moitas pintas marróns sobre o fondo branco. Os xuvenís das subespecies S. l. brewsteri son de novo distintas por ter a plumaxe das partes inferiores máis uniformes de cor marrón.[3]
O bico é bastante afiado e con moitas beiras dentadas. Teñen ás bastante curtas o que lles permite un rápido aleteo, pero teñen unha longa cola que se vai estreitando. Aínda que estas aves son normalmente silenciosas, os observadores de aves teñen informado de sons ocasionais que fai a ave similares a un gruñido ou grallido.
Ecoloxía
Esta especie reprodúcese en illas e costas nas áreas pantropicais do Atlántico e Pacífico. Frecuentan os terreos de reprodución de illas do golfo de México e o mar Caribe. Co aumento da contaminación no mundo, os atobás pardos empeZaron a usar os restos de lixo do mar para construír os seus niños. O 90,1 % deses niños estaban feitos de plásticos, mentres que os niños próximos a barcos naufragados teñen unha alta porcentaxe de restos de naufraxio.[16] Nidifica en grandes colonias, poñendo dous ovos branco-azulados no chan nunha morea de cunchas rotas e vexetación, pero xeralmente cría un só polo, porque o segundo polo que fai eclosión non pode competir pola comida co seu irmán máis vello, ou mesmo pode ser expulsado do niño por el.[17] Inverna no mar en extensas áreas.
As parellas poden permanecer xuntas durante varias estacións. Realizan elaborados rituais de salutación e son tamén espectaculares mergulladores, lanzándose en picado ao océano a gran velocidade. Comen principalmente peixes pequenos ou luras, que se reúnen en grupos preto da superficie e poden capturar os peixes que choutan fóra da auga mentres sobrevoan a superficie. Aínda que son voadores poderosos e áxiles, son especialmente torpes á hora de tomar terra ou engalar; utilizan os ventos fortes e pousadeiros altos como axuda para engalar.
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
↑Brisson, Mathurin Jacques (1760). Ornithologie, ou, Méthode contenant la division des oiseaux en ordres, sections, genres, especes & leurs variétés(en French e Latin). Paris: Jean-Baptiste Bauche. Vol. 1, p. 60,Vol. 6 p. 494.
↑Grant, L.M.; Lavers, J.L.; Stuckenbrock, S.; Sharp, B.P.; Bond, A.L. (2018). "The use of anthropogenic marine debris as a nesting material by brown boobies (Sula leucogaster)". Marine Pollution Bulletin137: 96–103. doi:10.1016/j.marpolbul.2018.10.016.
↑Dorward, D.F. (1962). "Comparative biology of the white booby and the brown booby Sula spp. at Ascension". Ibis103B (2): 174–220. doi:10.1111/j.1474-919X.1962.tb07244.x.
O'Brien, Rory M. (1990). "Sula leucogaster Brown Booby"(PDF). En Marchant, S.; Higgins, P.G. Handbook of Australian, New Zealand & Antarctic Birds. Volume 1: Ratites to ducks; Part B, Australian pelican to ducks. Melbourne, Victoria: Oxford University Press. pp. 781–790. ISBN978-0-19-553068-1. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 07 de maio de 2019. Consultado o 22 de agosto de 2019.
Bull, John; Farrand, John, Jr (1984). The Audubon Society Field Guide to North American Birds, Eastern Region. New York: Alfred A. Knopf. ISBN0-394-41405-5.