Aspidella é un fósil que vivu no Ediacárico con forma de disco e de afinidades incertas.
Morfoloxía
Os Aspidella eran fósiles discoidais, con aneis concéntricos e/ou raios centrípetos. O diámetro dos individuos circulares variaba de 1 a 180 mm.[1]A maioría dos individuos están entre 4 e 10 mm, pero pénsase que os individuos menores degradábanse e desaparecían antes de fosilizar. Outros Aspidella teñen forma de elipse, de 3–8 cm de longo e 1–4 cm de largo. A maioría teñen un vultiño ou protuberancia central. As beiras e cristas de todos os espécimes están feitas de raios de bordo elevado e/ou aneis concéntricos.
Ecoloxía
A escaseza de individuos grandes probablemente indica que os Aspidella eran estrategas do r, que producían numerosa proxenie, a maioría da cal morría. É moi común en sedimentos de augas profundas, pero está presente na maioría das ensamblaxes de fósiles de Ediacara, incluíndo os depositados por riba da base de ondas de tormenta (profundidade á que as ondas xa non alteran os sedimentos do fondo).[2] Estes organismos podían alcanzar densidades de 3000 m−2.[2]
Afinidade
Igual que o taxon Ediacaria (ver tamén máis abaixo), Aspidella considerouse inicialmente un escifozoo (un tipo de augamar). Esta designación inicial foi despois refutada; demostrouse que algúns espécimes eran o disco de suxeición (unha especie de rizoide) dalgún organismo, cuxo corpo principal se estendía nas augas abertas pero que se desprendía antes da fosilización (uns poucos espécimes levan esbozos de pedúnculos opostos ao vultiño central ao que se unían);[3][4] mentres que outros representaban colonias microbianas.[5]
Algúns individuos están asociados con rastros de movementos deixados no sedimento que lembran os producidos hoxe polas modernas anemones (Cnidaria).[6]
Tafonomía
As superficies superior e inferior dos fósiles teñen unha composición elemental distintiva que lembra a de biopelículas fosilizadas.[2] O sedimento dentro dos fósiles tan tamén unha composición distintiva, xa que está enriquecido en certos elementos con respecto á matriz de rocha. Como é difícil explicar esa distribución de elementos por procesos diaxenéticos post mortem, parece que os elementos (e os sedimentos) foron incorporados ao interior do organismo cando este estaba vivo.[2]
Historia da investigación
Aspidella terranovica foi descuberta en 1868 polo xeólogo escocés Alexander Murray[7] e foi o primeiro fósil do Ediacárico nomeado.[8] En 1872, Elkanah Billings describiu fósiles de Aspidella terranovica da rúa Duckworth de St. John's, Terra Nova (47°34′01.3″N 52°42′18.3″O / 47.567028, -52.705083 (Aspidella)).[9] Estaban nun afloramento de lousas negras do Precámbrico accesible nunha rúa da cidade. Billings era o paleontólogo xefe do Geological Survey of Canada daquela. Aínda así, o seu descubrimento foi cuestionado por Charles Doolittle Walcott, que citou a opinión de que as formas conservadas nas rochas eran concrecións formadas inorganicamente.[10] Outras explicacións que se deron nesa época foron que os círculos eran orixinados polo escape de burbullas, ou mesmo simulacións enganosas colocadas alí por Deus para levar ao erro aos que tiñan pouca fe. Foron os primeiros fósiles da biota de Ediacara (do Ediacárico ou Vendiano) descritos por un científico.
Durante décadas, Aspidella e os fósiles do seu tipo non foron considerados formas de vida do Precámbrico. Houbo que esperar aos traballos realizados por Reg Sprigg, que descubriu os fósiles de Ediacara Hills, para que fosen recoñecidos.[11] Fósiles como estes atopáronse en moitas outras partes do mundo en rochas de aproximadamente a mesma idade e acabaron sendo aceptados como auténticos restos de formas de vida.
Sistemática e taxonomía
O nome Aspidella deriva do grego antigoaspis (Ασπις, un escudo redondo) coa terminación do diminutivo latino e terranovica en latín significa 'da terra nova', referíndose á illa de Terra Nova.
Diferentes formas morfolóxicas denomináronse Ediacaria ou Spriggia. Porén, as diferenzas entre os Aspidella "típicos" pequenos e elípticos, os Spriggia wadea planos e anelados e os Ediacaria grandes, con protuberancia central e raios débense a unhas diferentes condicións tafonómicas. Por exemplo, Spriggia e Ediacaria parecen ser restos dos mesmos animais, só que o primeiro fosilizou nunha arxila de gran fino mais compacta, mentres que o último atopouse en rochas que orixinalmente eran sedimentos predominantemente areosos.
Outros numerosos nomes de taxons poderían ser sinónimos júnior de Aspidella, como:
Debido á súa natureza non descrita, Aspidella pode considerarse un taxon forma, unha ensamblaxe artificial de organismos de aspecto e forma de vida similar sen relación filoxenética. Nese caso, algúns supostos sinónimos (como Ediacaria ou Cyclomedusa) poderían seguir sendo válidos. Os espécimes tipo eran os de tipo elipsoide (perdéronse, pero queda un molde). Así, se Aspidella no sentido amplo acaba por ser unha ensamblaxe de taxons máis ou menos relacionados, o nome do xénero aplicaríase só aos espécimes elipsoides pequenos. Independentemente da súa clasificación final, porque foi clasificado como animal, alga, ou fungo (lique), o nome Aspidella está aceptado en ambos os códigos de nomenclatura, e isto impide a adopción dun homónimo posterior "Aspidella" (Gilbert 1940) para un grupo de cogomelos hoxe existentes, que foron renomeados como Saproamanita.[12]
Os fósiles de Aspidella atópanse en estratos desde hai 610 a 555 millóns de anos, con posibles representantes que datan de hai 770 millóns de anos.[14]
↑ 2,02,12,22,3Laflamme, M.; Schiffbauer, J. D.; Narbonne, G. M.; Briggs, D. E. G. (2010). "Microbial biofilms and the preservation of the Ediacara biota". Lethaia44 (2): 203–213. doi:10.1111/j.1502-3931.2010.00235.x.
↑MacGabhann, B. A. (2007). "Discoidal fossils of the Ediacaran biota: a review of current understanding". Geological Society, London, Special Publications286 (1): 297–313. Bibcode:2007GSLSP.286..297M. doi:10.1144/SP286.21.
↑Gehling, James G.; Narbonne, Guy M.; Anderson, Michael M. (2000). "The first named Ediacaran body fossil, "Aspidella terranovica"". Palaeontology43 (3): 427–456. doi:10.1111/j.0031-0239.2000.00134.x.
↑Meert, J. G.; Gibsher, A. S.; Levashova, N. M.; Grice, W. C.; Kamenov, G. D.; Rybanin, A. (2010). "Glaciation and ~770 Ma Ediacara (?) Fossils from the Lesser Karatau Microcontinent, Kazakhstan". Gondwana Research19 (4): 867–880. Bibcode:2011GondR..19..867M. doi:10.1016/j.gr.2010.11.008.