A Asociación Cultural e Deportiva O Carballo é unha asociación cultural fundada en Taboada en 1985.
Traxectoria
Foi fundada o 26 de novembro de 1985 por unha trintena de veciños e veciñas de Taboada. Desenvolveu importantes actividades, entre as que destaca a organización da primeira festa do caldo de ósos, en 1986, responsabilidade que a partir do ano seguinte asumiría o Concello. A gama de actividades que levou a cabo foi, con todo, máis variada, incluíndose palestras e conferencias de diverso tipo, festas de temática natalicia ou grupo de teatro.
Tivo a única escola de música e baile tradicionais do concello até 2009, ano en que esta pasou ao grupo de nova creación Os D'eiquí, e posteriormente, ao grupo Os Rechouchíos en 2015.
Desde 2012, a vocación da asociación pasou a ser fundamentalmente deportiva, pondo en marcha a carreira popular "Entre pazos e carballos", que alcanzou en 2022 a súa novena edición.[1] Desde 2020, organiza tamén rutas de sendeirismo, está a acondicionar unha zona de escalada deportiva e promove outras actividades culturais, como sesións de cinema ou teatro.[2]
Desde o 2 de xullo de 2023 o seu Presidente é Fabricio Sampedro Viana.