Ascaridíase

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Ascaris lumbricoides, especie parasita do home

A ascaridíase é unha enfermidade parasitaria provocada polas ascárides, vermes redondos que parasitan o intestino delgado do home e diferentes animais. As ascárides pertencen ó Filo Nematoda, que inclúe distintas familias de vermes parasitos do tracto intestinal, do sistema linfático ou das vísceras. Popularmente coñécense polos nomes de lombrigas ou, simplemente, vermes.

Trátase dunha parasitose moi común (estímase que afecta ó 20% da poboación mundial [1]), especialmente nos países ou rexións subdesenvolvidas e durante a infancia. Debe diferenciarse da oxiuríase, outra parasitose intestinal, producida polo nematodo Enterobius vermicularis, menor de 1 cm de lonxitude; e das helmintíases ou teníases, provocadas por vermes planos (tenias).

Etioloxía

As diferentes especies da familia Ascarididae (xéneros Ascaris, Baylisascaris, Crossophorus, Ophidascaris, Parascaris, Toxascaris, Toxocara etc.) parasitan diferentes especies animais, mostrando especificidade polo vertebrado hospedador. Aínda así son posibles contaxios cruzados entre animais domésticos e o home, o que converte a enfermidade, nalgúns casos, nunha zoonose.

Ciclo biolóxico das ascárides

A especie tipo é o Ascaris lumbricoides, que afecta o home. En estado adulto poden chegar a medir 15–25 cm de lonxitude, os machos, e 25–35 cm as femias, alcanzando o grosor dun lapis, e vivir ata dous anos. Alcanzan a madurez ós 2-3 meses da inxestión dos ovos.

O contaxio prodúcese por vía fecal-oral, por tocar a boca ou os alimentos despois de tocar feces contaminadas. Pode producirse tamén por vía alimentaria, ó inxerir alimentos regados con augas fecais humanas ou lavados con augas contaminadas. En calquera caso, asóciase a unhas condicións hixiénicas deficientes ou a unha hixiene descoidada (razón pola que é unha enfermidade máis frecuente na infancia).

Xa no intestino, os ovos eclosionan e liberan as larvas, que atravesan a parede intestinal e, a través do torrente circulatorio, chegan ó fígado e ós pulmóns. As larvas soben pola árbore bronquial ata a farinxe e son deglutidas, para regresar ó aparato dixestivo. De novo no intestino, maduran, reprodúcense e comezan a poñer ovos, ata 200.000 ovos diarios. Os ovos son expulsados coas feces e son inxeridos polo mesmo ou por un novo hospedador. Fóra do corpo, son infecciosos ó cabo dos 18 días e durante varias semanas.

Véxase tamén: Ascaris lumbricoides.

Patoxenia

Trátase dunha enfermidade normalmente leve que frecuentemente non produce síntomas ou estes son inespecíficos. Só cando a parasitación é intensa pode ter consecuencias graves como, por exemplo, unha obstrución intestinal. O cadro clínico varía de forma gradual, segundo medra e se multiplica o parasito.

Os síntomas iniciais adoitan consistir nunha inflamación intestinal, con dor difusa. Ó avanza-lo proceso aparece perda de apetito, tose, anemia, palidez, febre e un cadro de malestar xeral. Se o número de lombrices é alto ou o proceso é longo, poden expulsarse lombrigas coas feces ou ó tusir, aparecendo vómitos, dificultade para respirar, dor abdominal, perda de peso e atraso no crecemento. Se os vermes migran cara a vesícula do fel poden producirse cálculos biliares e ictericia.

Tratamento e prevención

Os medicamentos antiparasitarios habituais son eficaces contra a enfermidade, pero cómpre simultanealos cunhas medidas hixiénicas que aseguren corta-la posibilidade dunha reinfestación: lavar ben as mans, esteriliza-la roupa interior, extrema-la hixiene tralo contacto con cans e gatos etc.

Tratamentos populares

Abrótano macho, herba lombrigueira

O abrótano macho (Artemisia abrotanum) chámase herba lombrigueira porque se usa, en infusión feita con viño, para curalas. Con menos frecuencia danlle tamén este nome de herba lombrigueira ou herba das lombrigas, polas mesmas propiedades medicinais, ó asente (Artemisia ansinthium) ou ao Tanacetum vulgare.

Mariño Ferro recolle outros remedios para expulsa-las lombrigas dos meniños: poñerlles ó colo unha bolsiña cos evanxeos; unha infusión de incenso, ruda e romeu (en Nigrán); obrigarlle a cheirar unha bóla feita con allo e ruda esmagados, refregando logo con esa pasta a fronte do rapaz (en Sanxenxo); facerlle cruces na tripa cun anaco de unto enfariñado (Marcón, Pontevedra); ou cun hisopo feito con la dos testículos dun carneiro, unto de porco e feluxe da lareira (Narla, Friol).

Ángel García Sanz, veterinario, conta que os peregrinos do camiño de Santiago comían agróns (Rorippa nasturtium-aquaticum [1]) como vermicida.

Notas

  1. Denominación antiga: Nasturtium officinale.

Véxase tamén

Bibliografía

  • GARCÍA SANZ, Ángel: Plantas medicinales en el Camino de Santiago comunes al hombre y ganado. Deputación Provincial, Lugo 1993.
  • Gran Enciclopedia Galega, tomo I, s. v. abrótano.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.

Ligazóns externas