Atópanse situadas ao noroeste da provincia de Zamora, xunto á provincia galega de Ourense, limítrofe á comarca de Viana, e próximas á fronteira con Portugal, á altura da histórica rexión lusitana de Trás-os-Montes. Pertencen ás denominadas As Portelas, unha sub-bisbarra da bisbarra histórica e tradicional de Seabra.
As Hedradas atópanse situadas nun chairo alto, o que favoreceu que a escasos metros da poboación se instalase un parque eólico. O edificio máis representativo deste lugar é a súa igrexa, cuxo campanario é de nova construción por perder o antigo nun forte vendaval.[2] É unha das poucas localidades bilingües da provincia de Zamora, xa que os seus habitantes utilizan habitualmente o castelán e o galego.[3]
Topónimo
O nome de lugar inscríbese nunha abundante familia de topónimos que aluden a elementos da paisaxe recubertos de hedra, é dicir, hedreiras.[4]
Demografía
Coma o resto das vilas e aldeas da zona, As Hedradas sufriron un grande éxodo rural a mediados do século XX, pasando a súa poboación a ter só 12 habitantes (INE, 2012). Outra das razóns desta baixa poboación é o forte envellecemento da zona, pois a media de idade supera os 70 anos.
Clima
Situadas na serra xabresa, As Hedradas contan cun clima moi frío e húmido con temperaturas que poden chegar a -15 °C e que no verán non adoita superar os 30 °C e unhas precipitacións moi abundantes, 1500 mm ao ano sobre todo na época outoniza.