O seu artigo "La patria", publicado en La Centuria, foi un dos primeiros testemuños que se emitiu a prol do galeguismo e serviu de punto de partida para constituír a Irmandá Rexionalista d'Ourense en 1918. Publicou once artigos na revista Nós, catro artigos en La Centuria, dous n'O Tio Marcos d´a Portela, outros seis na revista A Nosa Terra, dous en La Billarda e dous en La Zarpa. O 15 de setembro de 1930 publicou o seu derradeiro artigo no nº 81 de Nós, titulado “Notas políticas”. A partir de entón retirouse da vida política e literaria.
Foi secretario de administración local e exerceu no Pereiro de Aguiar, Avión, Rianxo e Serantes. Durante a revolución de 1934, cando era secretario do concello de Serantes, foi detido por posesión de arma de fogo, mais foi exonerado. Tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido polos sublevados por propagar noticias tendenciosas, e encadeado na prisión da Escollera de Ferrol. Foi procesado, e logo de comprobar a súa inocencia, o xuíz militar ordenou a súa liberación. Foi novamente detido por elementos paramilitares. Na tarde do 11 de setembro de 1936 introduciron a Noguerol con outras doce persoas nun autobús e na noite seguinte executáronos no cemiterio parroquial de Serantes na estrada da Coruña a Ferrol, onde foron soterrados.
Obra
* Parolas sobre a propiedá, 1918 (publicado en La Región).
Vida persoal
Casou con Eloísa Martínez Carballo o 21 de xaneiro de 1924. Tiveron dous fillos nados en Ourense: Eloísa e Pedro Arturo.