A arleira[1] ou berberiz[2] (Berberis vulgaris) é unha especie de arbusto espiñento pertencente á familia das berberidáceas.
Descrición
É un arbusto denso armado de espiños triplos. Ten os talos leñosos que acadan até os 2 m de altura, son erectos e ramificados coa casca de cor cinsenta. As follas son ovais, alternas, con pecíolo curto duns tres centímetros de lonxitude. Presentan unha gradación desde follas até espiños, de forma que as de máis dun ano vanse transformando en espiños. As flores aparecen entre abril e xuño, son miñudas e amarelas, agrupadas en pequenos acios pénsiles. Os froitos son bagas de 1 cm de lonxitude de cor vermella brillante, acedas pero de sabor agradábel.
Nesta planta pódese desenvolver a fase acídica do perigoso fungo Puccinia graminis (ferruxe negra), que provoca a doenza da ferruxe dos cereais.
Contén alcaloides derivados da isoquinolina: berberina[3] (3 %), oxicantina (1,5 %) tamén contén taninos e saponinas.
Usos
Medicinais
A casca da raíz é útil en conxestións hepatobiliares e coleocistite e contra a retención de ouriños. Tamén é un laxante discreto. A planta, con excepción dos seus froitos e sementes, é lixeiramente tóxica. O seu axente máis poderoso é a berberina, que tamén se sabe que ten unha serie de efectos terapéuticos.
Gastronomía
En Europa, as bagas utilízanse tradicionalmente para facer marmelada. No suroeste de Asia, especialmente no Irán, onde se lles chama zereshk (زرشک), as bagas utilízanse para cociñar, así como para facer marmelada.
↑Nome vulgar galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C), A Coruña, Deputación da Coruña, 2000; e Termos esenciais de botánica, Santiago de Compostela, Universidade, 2004
↑Nome vulgar galego en Vocabulario das ciencias naturais e Nomenclatura vernácula da flora vascular galega
↑Zhang, Q; Cai, L; Zhong, G; Luo, W (2010). "Simultaneous determination of jatrorrhizine, palmatine, berberine, and obacunone in Phellodendri Amurensis Cortex by RP-HPLC". Zhongguo Zhong yao za zhi = Zhongguo zhongyao zazhi = China journal of Chinese materia medica35 (16): 2061–4. PMID21046728.