Arantxa Echevarría, nada en Bilbao en 1968, é unha directora, guionista e produtora de cinema e televisión española.[1] En 2018, converteuse na primeira directora de cine español seleccionada na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes pola súa ópera prima Carmen y Lola.[2]
Traxectoria
Echevarría estudou Ciencias da Imaxe na Universidade Complutense de Madrid e especializouse en Realización Audiovisual no CMA da mesma universidade e produción cinematográfica no Sidney Community College en Sydney (Australia). Desde 1991, Echevarría desenvolve a súa carreira profesional na industria audiovisual, compaxinando traballos en publicidade e cine. Para Televisión Española dirixiu Cuestión de pelotas, unha reportaxe de Documentos TV sobre as mulleres futbolistas que, en lugar de ser contratadas polo seu talento deportivo, ocupaban postos como limpadoras. A emisión deste documental obrigou a Real Federación Española de Fútbol a regularizar a situación laboral e deportiva destas mulleres.[3]
En 2014, a súa curtametraxe De noche y de pronto, protagonizada por Javier Godino e Alicia Rubio foi nomeada aos premios Goya na súa 28 edición e recibiu o premio á mellor curtametraxe no festival Etheria Film Night en Os Ánxeles.[4][5] Un ano despois, en 2015, Echevarría coescribiu o guión da longametraxe El resto de mi vida xunto a Martín Costa, o seu director, e dirixiu a curtametraxe Yo, Presidenta que se estreou no Festival de Cine de Medina del Campo e no que apareceu por última vez antes do seu falecemento a actriz española Chus Lampreave. Nesta mesma curtametraxe, o divulgador científico Eduard Punset realizou un cameo interpretándose a si mesmo.
A súa experiencia profesional como curtametraxista reflíctese no libro 59 Directoras deCortometrajes onde o cineasta experto na curtametraxe española, Miguel Ángel Escudero, recolle o testemuño de cineastas e a súa relación co mundo da curtametraxe.[6][7]
Recoñecemento
Os seus primeiros pasos na dirección comezaron coa curtametraxe Panchito, unha traxicomedia con actores non profesionais que recibiu, entre outros, o premio Telemadrid. De noche y de pronto, un suspense psicolóxico dirixido en 2014, foi nomeado a mellor curtametraxe na XXVIII edición dos Premios Goya.[8] A curtametraxe El último bus, recibiu o prestixioso premio de mellor proxecto do Festival de Medina del Campo.[9]
En 2017, Echevarría dirixiu a súa primeira longametraxe Carmen y Lola[10] que foi nomeada a oito premios Goya 2019: película, guión orixinal (Arantxa Echevarria), dirección novel (Arantxa Echevarria), actriz revelación (Rosy Rodríguez e Zaira Romero), actor revelación (Moreno Borja), actriz secundaria Carolina Yuste) e canción orixinal ("Me vas a extrañar", de Paco de la Rosa). A película foi finalista do premio Julio Alejandro da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE).[11] Ademais, a súa ópera prima foi seleccionada en abril de 2018 para a Quincena de Realizadores (unha sección paralela que cumpre 50 anos) para realizar a súa estrea mundial no marco do Festival de Cannes, onde tamén optou ao premio Caméra d'or á Mellor Ópera Prima.[12] Así mesmo gañou o premio Dunia Ayaso no Festival de Valladolid de 2018 e tres premios no Toulouse Cinespaña (actor, Premio do Público e Violette d'Or).
Nomeada á mellor dirección novel na 33ª edición dos Premios Goya, o 2 de febreiro de 2019, resultou gañadora e recibiu o devandito premio, pola súa película Carmen y Lola.[13][14]
Filmografía
2010 – Panchito. Curtametraxe. Telemadrid. Semana del corto de Madrid.[15]
2010 – Cuestión de pelotas. Documental. Documentos TV. Televisión Española.[3]
2012 – Don Enrique de Guzmán. Curtametraxe de ficción.