Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Antón Varela.
Antón Varela Cachaza, chamado Tonecho Varela, nado en Canido (Ferrol) en 1955 e finado en Ferrol o 25 de xullo de 2017, foi un gaiteiro e luthier galego.
Traxectoria
Como intérprete comezou na percusión, tanxendo tambor e bombo, e despois, nos anos setenta[1], moveuse aos instrumentos de vento, e especialmente a gaita, que serían os que lle deron sona. Iniciouse tocando no cuarteto tradicional Follas Novas, e despois pasou para Os Raparigos, outro cuarteto tradicional con base en Ferrol. Máis tarde pasaría a cofundar o conxunto que tivo máis sona dos seus, Os Cempés, cos que gravou algúns discos chave da música galega nos anos noventa. Xa cando este conxunto estaba na súa última etapa iniciou a súa participación nun grupo máis amplo chamado Berros do Castro. Ademais de instrumentista e compositor, tamén realizou investigación sobre a historia e a representación da gaita galega.
A pesar de traballar inicialmente en Correos e posteriormente nos estaleiros de Bazán en Ferrol, Varela deixou eses oficios para traballar como luthier. Aprendeu a finais dos oitenta o oficio de Seivane[2] en Ribeira de Piquín[1] e xa en 1989 se puxo pola súa conta cun obradoiro de seu en Ferrol Vello. Fabricaba gaitas galegas e outros instrumentos de vento similares, como xeremías mallorquinas ou gaitas senabresas.
Faleceu o 25 de xullo de 2017, por mor dun cancro.[3]
Honras
En 2017 inaugurouse un parque co nome de Parque Antón Varela, no barrio de Canido en Ferrol.[4][5]
Notas
Ligazóns externas