| Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Antonio Louro Goyanes, coñecido como Antón Louro, nado en Lira o 15 de marzo de 1952, é un político galego do PSdeG-PSOE.
Traxectoria
Licenciado en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou como profesor de instituto ata a súa dedicación completa á política. Membro de PSG dende 1974, ingresando no PSdeG en 1978 xunta outros destacados militantes como Ceferino Díaz ou Fernando González Laxe. Foi subdirector xeral de Cultura da Xunta de Galicia no goberno de González Laxe (1989-1990) e posteriormente concelleiro en Pontevedra. Foi Coordinador Provincial do PSdeG en Pontevedra de 1995 a 1998.
Foi deputado no Parlamento de Galicia dende 1997 ata 2004, así como Secretario de Organización do PSdeG-PSOE dende 1998 a 2004 baixo o mandato de Emilio Pérez Touriño. En 2004 renuncia a ambos cargos para encabezala candidatura socialista da provincia de Pontevedra ao Congreso dos Deputados nas Eleccións Xerais do mes de marzo, sendo escollido deputado e posteriormente presidente da comisión de Fomento. Nas eleccións municipais de 2007 foi número 2 da candidatura socialista no Concello de Pontevedra, encabezada por Teresa Casal, así como candidato á presidencia da Deputación de Pontevedra. Foi escollido concelleiro e asumiu a área de Promoción Económica no goberno bipartito entre BNG e PSdeG, se ben non consigueu a presdiencia da Deputación por un escaso marxe de votos. Continuou como deputado no Congreso e volveu encabezala candidatura socialista por Pontevedra nas Eleccións Xerais de 2008, volvendo a ser escollido deputado.
En abril de 2009 foi nomeado Delegado do Goberno en Galicia, renunciando aos seus postos no Congreso e no Concello de Pontevedra. En setembro de 2010 foi escollido candidato socialista á alcaldía de Pontevedra para as eleccións municipais de 2011, renunciando como Delegado do Goberno en abril de 2011. En ditas eleccións os socialistas pasaron de 6 a 3 concelleiros, logrando os nacionalistas de Miguel Anxo Fernández Lores a vitoria con 11 concelleiros, polo que mantiveron a alcaldía cun novo goberno de coalición cos socialistas, ocupando Louro a primeira tenencia de alcaldía e a concellería de Urbanismo. Ao final do mandato en 2015 retirouse da primeira liña política.
Vida privada
Está casado e ten unha filla.
Véxase tamén
Ligazóns externas