Antón Rivas Briones, nado en Madrid en 1918, e finado en Vilagarcía de Arousa o 22 de maio de 2004, foi un pintor galego que tamén destacou na xilografía e na talla.
Traxectoria
Aínda que nace en Madrid, vive desde neno, e ata a súa morte, en Vilagarcía de Arousa. Ós quince anos empeza a traballar como aprendiz nun obradoiro de ebanistería, grazas ao que alcanza un maxistral dominio no traballo da madeira. Compatibiliza a súa actividade profesional coa creación artística, campo no que foi autodidacta, e tanto na súa faceta de tallista, como de xilógrafo, deixou obras de gran perfección.
En 1943, é premiado no Certame nacional de Educación y Descanso para traballadores, e en 1947 e 1948 recibe unha bolsa para estudos de pintura da Deputación de Pontevedra. Tamén por esa época fai tímidas incursións no debuxo publicitario en Madrid.
Na década de 1960, a súa obra, en especial as súas xilografías, comezan a ter éxito entre os coleccionistas de arte galegos, e a súa fama chega a transcender até os Estados Unidos.[1]
Nos anos 70, é premiado en varias ocasións na Bienal de Arte de Pontevedra (1970 prata en gravado; 1973 e 1974 bronce en pintura; 1975 prata en pintura), logrando o seu máximo galardón en 1978: a Medalla de Ouro en pintura.
A súa obra atópase espallada en varios museos e en coleccións particulares e institucionais.
O Concello de Vilagarcía de Arousa púxolle o seu nome á sala de exposicións municipal, en 2001, e un ano despois nomeouno fillo adoptivo.
Estilo artístico
A súa obra artística enmárcase dentro da xeración galega de posguerra, que se afasta do academicismo para enlazar coa arte das vangardas, aínda que posteriormente evoluciona desde o vangardismo ata un realismo humanista, onde todas as súas composicións xiran en torno á figura humana.
Rivas é un magnífico debuxante que retrata tipos populares de rostros sinxelos e mans grosas e encalecidas, conseguindo que a plasticidade destes personaxes harmonice cun debuxo de vaga ascendencia cubista, e unha intensa cor.
Ten un sentido mural nato, e as súas composicións, recargadas e dramáticas abordan moitas veces temas folclóricos, ou de contexto máxico, con meigas e espectros.
Nos seus gravados prevalecen os tons escuros e as tebras.
Notas
- ↑ Na revista Artist’s Proof de 1966 pódense ver catro xilografías súas: “Toleirada”, “Estadeo”, “Traballadoras no descanso” e “Choqueirada”
Véxase tamén
Bibliografía
- AA.VV., (2001): Antón Rivas Briones. Viaxe pola memoria do home. Vilagarcía de Arousa, Concellería de Cultura.
- AA.VV., (1989): 20 años de Arte en Pontevedra. Pontevedra, Deputación.
- Pablos, F. (1981): Plástica Gallega. Vigo, Caixavigo.
- Chamoso Lamas, M. (1976): «Arte», en Galicia. Barcelona, Editorial Noguer.
- Sobrino Manzanares, M.L. (1991): Catálogo del Patrimonio Artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, Deputación.
Ligazóns externas