Anguis graeca é moi semellante a Anguis fragilis (inicialmente Bedriaga describiuna como Anguis fragilis var. graeca). Caracterízase polo seu corpo alongado e sen patas. Ás veces pódese ver na cabeza unha pequena abertura do oído externo. No corpo xeralmente hai de 26 a 28 fileiras lonxitudinais de escamas. Os machos son de cor agrisada, parda clara ou parda avermellada nas partes superiores; algúns espécimes presentan pequenas manchas de cor azul escura no dorso. As femias teñen as partes superiores de cor parda clara, que destaca dos flancos escuros; polo xeral, unha liña escura atravesa lonxitudinalmente o medio do corpo, que tamén pode aparecer como unha fina liña dupla. Os animais inmaturos son moi claros polas partes superiores, e de cor abrancazada ou amarelada pálida, dourada ou gris prateada, e cunha liña central estreita de cor parda amourada; a miúdo hai unha mancha parda escura en forma de lágrima na cabeza.[7]
No norte do Peloponeso, esta especie convive Anguis fragilis, da que se pode distinguir por unha liña lonxitudinal irregular na parte frontal do corpo, a abertura do oído xeralmente non é visíbel desde o exterior e o número de fileiras lonxitudinais de escamas é tipicamente menor (24-26).
Glandt, Dieter (2015): Die Amphibien und Reptilien Europas: Alle Arten im Porträt. 2. Wiebelsheim: Quelle & Meyer Verlag. ISBN 978-3-494-01581-1, pp. 329–330.