A andoa anelada ou andoa amarela[1] (Boletus luteus) é unha especie de boleto comestíbel da familia Boletaceae. A especie foi orixinalmente descrita en 1774 por Jacob Christian Schäffer[2]. Ás veces aparece co nome científico de Suillus luteus.
É un cogomelo moi común en toda Europa, tamén en Galiza. Non ten preferencia por ningún tipo de solo, mais medra baixo os piñeiros especialmente. O corpo frutífero abrolla dende o verán até o outono, tendo o seu apoxeo entre outubro e novembro en Galiza[3]. É un cogomelo comestíbel, aínda que a cutícula viscosa do chapeu pode ter fortes efectos laxantes en determinadas persoas, polo que cómpre tirala. O epíteto específico "luteus" significa "amarelo". Todas as especies do xénero Suillus son micorrizas de coníferas.
Morfoloxía
O chapeu é de cor marrón e de forma convexa, cun diámetro entre 4 e 10 centímetros, podendo acadar até 12 centímetros de largura. A cutícula tírase de xeito doado, é viscosa e o seu bordo é enrolado, podendo presentar restos do veo. Os tubos son de cor amarela pálida e cando o exemplar é novo atópanse cubertos polo anel. Os poros son pequenos e angulosos, amarelos en fases iniciais e apardazados conforme o cogomelo vai envellecendo. En exemplares novos, poden segregar algunhas pingas leitosas, mais non en tanta cantidade coma no S. granulatus. O pé mide entre 3 e 8 centímetros de longo por entre 1 e 2,5 centímetros de largo, é rexo e abrancazado, cilíndrico e presenta un anel largo e membranoso. A esporada é de cor parda. A carne é branca amarelenta, de cheiro afroitado e sabor moi pouco marcado.
Posibilidades de confusión
Os cogomelos maduros pódense confundir cos de Suillus granulatus, tamén comestíbel.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
Bibliografía
- Asociación Micológica Zamorana, 2005: Setas y Rutas Micológicas en Sanabria, Carballeda y los Valles. Ed. ADISAC LA VOZ.
- Shelley Evans, Geoffrey Kibby, 2004: Guías de bolsillo. Hongos. Ed. Omega. ISBN 84-282-1089-6.