Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Amígdala.
En anatomía, a amígdala farínxea, tamén chamada tonsila farínxea (TA en latín tonsilla pharyngea) ou adenoide é unha masa de tecido linfático situada na parte posterior das fosas nasais, no teito da nasofarinxe, onde as fosas nasais se comunican coa garganta.
O agrandamento da amígdala farínxea denomínase hipertrofia adenoide, coñecida como vexetacións adenoides, que pode dificultar o paso de aire.[1]
A amígdala farínxea desenvólvese a partir da infiltración subepitelial de linfocitos despois da 16ª semana de vida embrional. Despois do nacemento, empezan a agrandarse ata os 5 ou 6 anos de idade.
Función
Forma parte do sistema inmunitario e atrapa e recoñece patóxenos, como bacterias e virus. En resposta a estes microorganismos, a amígdala farínxea produce células T e células B para combater a infección, contribuíndo á síntese de inmunoglobulinasIgA, colaborando coa memoria inmunolóxica do corpo.[3]
Agrandamento
Un agrandamento anormal da amígdala farínxea ou hipertrofia adenoide (vexetacións adenoides), pode chegar a ser ás veces do tamaño dunha pelota de pimpón e chegar a bloquear completamente o fluxo de aire a través das vías nasais. Cando o agrandamento non é tan grande, non bloquea o paso do aire, pero si o dificulta, facendo que sexa máis dificultoso respirar polo nariz, e contribúe ás rouquéns, pero non dificulta a respiración pola boca. Tamén pode afectar en parte á emisión da voz.
A infección das adenoides pode causar síntomas como unha excesiva produción de moco, que se pode tratar coa súa extirpación. A extirpación cirúrxica da amígdala farínxea denomínase adenoidectomía. Non obstante, pode volver a crecer nun 19% dos casos despois da súa extirpación.[4][5]
Facies adenoide
O agrandamento das adenoides, especialmente en nenos, causa un aspecto atípico na face denominado facies adenoide,[6] caracterizada por unha face alongada, respiración bucal, incisivos prominentes, maxilarhipoplástico, labio superior curto, nariz elevado e arco palatino alto.[7]
↑Lesinskas, Eugenijus; Drigotas, Martynas (2009-04-01). "The incidence of adenoidal regrowth after adenoidectomy and its effect on persistent nasal symptoms". European Archives of Oto-Rhino-Laryngology266 (4): 469–473. ISSN1434-4726. PMID19093130. doi:10.1007/s00405-008-0892-5.
↑"Adenoids". MedlinePlus, US National Library of Medicine. 13 de setembro de 2022. Consultado o 23 de xullo de 2023.
↑Jefferson, Yosh (2017-02-01). "Mouth breathing: adverse effects on facial growth, health, academics, and behavior". General Dentistry58 (1): 18–25; quiz 26–27, 79–80. ISSN0363-6771. PMID20129889.