Pasou varios días buscando nos bosques locais a fosa común da súa familia. Dirixiuse a Rozwadów, onde en 1942, á idade de 16 anos, casou. Mentres visitaban Stanisławów, ela e o seu home foron capturados nunha redada na rúa pola policía ucraína, que os entregou aos alemáns, pero a parella logrou escapar. Posteriormente, víronse na obriga de trasladarse a guetos xitanos en Lublin, Lodz e Bełżec, pero tamén fuxiron deles e establecéronse en Rozwadów, onde os alemáns organizaran un campo de traballo para xitanos.[1]
Misións de rescate
En Rozwadów, Alfreda foi contratada no ferrocarril e logrou obter un permiso de traballo (Kennkarte) que lle deu certa protección contra novas detencións. Dedicouse a salvar a xudeus e xitanos, especialmente nenos, da morte a mans dos nazis. Viaxaba a lugares onde se producían masacres de poboacións xudías ou xitanas, e buscaba superviventes. Markowska levábaos á súa casa, agochábaos e obtiña documentos falsos que os protexían dos alemáns. Calcúlase que salvou persoalmente uns 50 nenos.[1] Anos máis tarde, cando se lle preguntou por que non tivera medo de axudar, declarou que naquel momento non esperaba superar a guerra ela mesma, polo que o medo non fora un problema.[2]
En 1944, os soviéticos liberaron a zona. Por mor da política do Exército Vermello de recrutar á forza para as súas filas aos xitanos, Markowska xunto co seu marido e algúns dos nenos que salvara (incluídos algúns nenos alemáns que intentaron fuxir dos soldados soviéticos) fuxiu cara ao oeste, primeiro ao centro de Polonia e logo aos chamados "Territorios Recuperados" na actual Polonia occidental.[1]
Trala guerra, as autoridades comunistas da República Popular de Polonia iniciaron unha campaña para obrigar aos xitanos a asentarse e abandonar o seu estilo de vida tradicional. Como resultado, ela e a súa familia viviron primeiro preto de Poznan, en Przeźmierowo[3] e posteriormente, despois de morrer o seu marido, en Gorzów Wielkopolski.[2]
En outubro de 2006, Alfreda Markowska foi condecorada coa Cruz de Comandante con Estrela da Orde Polonia Restituta por salvar nenos xudeus e xitanos durante a segunda guerra mundial. O daquela presidente de Polonia, Lech Kaczyński, gabouna "polo seu heroísmo e a súa valentía fóra do común, polo seu excepcional mérito ao salvar vidas humanas".[4]
↑ 1,01,11,2Gierliński, K. (outubro de 2006). "Piękne życie Alfredy Markowskiej"(PDF). Romano Atmo (5): 10–11. Archived from the original on 10 de decembro de 2009. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.