Segundo fillo do rexedor de vila ferrolá, Pedro Morado e de María Fernandes da Veiga, Afonso Pita da Veiga adquiriu gran sona no exército galego dirixido e liderado por Fernando de Andrade polas súas intervencións nas guerras italianas acontecidas entre os anos 1513 e 1525.
O seu feito máis memorable foi a captura no campo de batalla do rei Francisco I de Francia durante a batalla de Pavia, motivo polo que recibiu do emperador Carlos V numerosas terras e propiedades na comarca de Trasancos nos arredores de Ferrol, así como o dereito a exhibir no seu escudo familiar, as flor de lises propias da monarquía francesa.
O 24 de xullo de 1529 o emperador Carlos V emitiu unha distinción para Afonso Pita da Veiga por "los buenos y leales servicios que Vos, Alonso Pita da Veiga, gallego, nuestro vasallo, nos habeis hecho en todas las guerras que se han ofrecido".