O accidente do CV-990 de Spantax ocorreu o día 5 de xaneiro de 1970 cando un Convair 990 Coronado operado pola aeroliña española Spantax esnafrouse pouco despois de engalar do aeroporto de Estocolmo-Arlanda, matando a cinco das dez persoas a bordo do avión.
Antecedentes
O avión tiña que voar esa mesma tarde máis cedo a Mallorca con viaxeiros suecos, pero durante a engalaxe o motor número 4 tivo un problema. A engalaxe abortouse e os pasaxeiros puideron deixar o aparello. Posteriormente decidiuse realizar un voo ferri con tres motores a Zürich para realizar un cambio de motor.[1] A bordo había tres tripulantes e sete pasaxeiros. Había fortes ventos e unha temperatura de -27 °C no aeroporto.[2]
Accidente
Ás 22:24 o avión comezou a súa carreira de engalaxe na pista 19. Durante a carreira o nariz guiñou cara a dereita. Este movemento corrixíuse baixando a potencia do motor número 1. O aparello rotou a 134 nós cos flaps a 27 graos. Mentres trepaba o avión inclinouse 4-6 graos cara a dereita e velocidade do aire baixou de súpeto ata 10 nós por debaixo da V2 (145 nós). A aeronave contactou con algunhas árbores, inclinouse 10-15 graos e esnafrouse a 1 800 metros do punto no que se levantou.[3] O avión arou un longo camiño no bosque e rompeuse en varias pezas. A cabina de mando separouse do resto da fuselaxe e quedou encaixada entre os troncos de árbores e o duro chan conxelado inclinada uns 45 graos cara a esquerda.[2]
O primeiro oficial Miguel Granado estaba sentado na dereita e quedou atrapado cando o asento enpuxouno cara a adiante quedando as súas dúas pernas atrapadas contra o panel de instrumentos. A súa perna dereita estaba rota e angulada. O seu pé esquerdo estaba atrapado, así como a súa canela esquerda e o tendón de aquiles. Torcido baixo o piloto estaba un dos enxeñeiros de mantemento do avión, atrapado con varias costelas rotas. Granado mantivo, sen luvas, as súas mans nun dos tubos da fuselaxe e intentou manterse erguido para liberar a presión sobre o peito do seu compañeiro. As dúas mans tiveron conxelacións graves.[2]
O capitán escapou con contusións leves e foi capaz de liberarse e saír. Consciente do risco de quedar quieto con esas temperaturas, camiñou e intentou manter o corpo quente e así fuxiu con conxelacións leves nas mans e nos pés. Buscaron na escuridade e na neve o transmisor de localización de emerxencia e cando o atoparon puideron pedir axuda.[2] O que a tripulación non sabía é que había unha casa a uns poucos centros de metros.
Notas